O BNG de Vigo esixe a posta en marcha duns orzamentos municipais participativos para o ano 2025
A fronte nacionalista propón o despregamento dun programa piloto que permita que a veciñanza e o tecido asociativo decidan o destino de como mínimo 25 millóns de euros do orzamento municipal
Alertan de que este ano a falla de xestión do Goberno municipal vai provocar unha “inexecuciónde record olímpico” do orzamento de 2024 xa que a 30 de xuño só se utilizaran 71 dos 342 millóns presupostados
Xabier P. Igrexas: “Os orzamentos participativos serán o mellor antídoto fronte ao desgoberno de Abel Caballero, que só promete pero non cumpre”
O Bloque Nacionalista Galego esixe que os orzamentos municipais do Concello de Vigo para o vindeiro ano 2025 teñan unha elaboración participativa que permita que a veciñanza e o tecido asociativo decidan sobre o uso dos recursos municipais.
Así o ven de reclamar o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que defendeu que “é hora de deixar atrás os orzamentos elaborados desde o monólogo xordo do Goberno de Caballero e de costas á cidade”.
“A decisión máis importante que se vai tomar para o vindeiro ano é a que se van destinar os recursos do Concello, que necesidades se van atender e que actuacións se van realizar” remarcou, lembrando que o pasado ano o PSOE rexeitou “todas e cada unha das 138 emendas parciais” formuladas polo BNG recollendo propostas e achegas dos movementos sociais da cidade.
Igrexas anticipou que o BNG trasladará nas comisións informativas do Pleno a proposta de poñer en marcha un programa piloto de “orzamentos participativos que permitan que a veciñanza e o tecido asociativo poida decidir como usamos o diñeiro de todas e de todos”. Este programa estaría dotado con, como mínimo, 25 millóns de euros.
Inexecución “olímpica”
Aliás, o portavoz municipal nacionalista alertou de que este 2024 vai fechar cunha “inexecución de record olímpico” dos orzamentos municipais, xa que a 30 de xuño os propios informes municipais recoñecen que só se teñen utilizado 71 do total de 342 millóns de euros, e lembrou que nos últimos catros exercicios superaronse os 500 millóns de euros non executados. “De nada serve que Caballero presuma cada ano dos orzamentos máis altos da historia se despois eses recursos non se utilizan”, subliñou.
“Por iso uns orzamentos participativos serán o mellor antídoto fronte ao desgoberno de Abel Caballero instalado na propaganda e nos grandes anuncios, pero que desatende as necesidades reais das viguesas e dos vigueses e impón un total abandono dos nosos barrios e parroquias”, valorou Igrexas.
“Fronte a un Goberno instalado na inercia paralizante, que non goberna nin xestiona, a demanda do BNG de poñer uns orzamentos participativos o que pretende é avanzar nohorizonte de devolverlle o Concello á veciñanza para comezar a devolverlle Vigo ás viguesas e vigueses”, remachou o portavoz do BNG.