O BNG de Vigo denuncia que en 17 dos últimos 30 días o parque de bombeiros de Coruxo non puido abrir
A fronte nacionalista sinala que o permanente incumprimento do mínimo de 20 bombeiros en activo cada xornada, por falla de persoal, é a causa desta situación
O feche do parque de Coruxo provoca que media cidade que ten asignada como zona estea desprotexida e que se comprometa a capacidade de resposta, e sobre todo os tempos de actuación, no conxunto da cidade
Xabier P. Igrexas: “Vigo sen bombeiros non é segura e por iso desde o BNG temos que volver esixir ao Goberno municipal que se deixe de escusas e de falsas solucións”
Desde o Bloque Nacionalista Galego denuncian que que nos últimos 30 días o parque de bombeiros de Coruxo estivo fechado 17 xornadas por falla de persoal. “Iso significa que case 6 de cada 10 días media cidade, que ten Coruxo como parque de zona está desprotexida e que o resto do termo municipal ve comprometida a capacidade de resposta e, sobre todo, o tempo de atención de situacións de emerxencia por parte do servizo de bombeiros”, advertiu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Unha situación que, lembrou, vé de vivirse recentemente no tráxico accidente do ‘Saltamontes’ nas festas de Matamá, cando por non estar operativo o parque de Coruxo o servizo de bombeiros tardou case o triplo de tempo en desprazarse desde Teis.
Igrexas recordou tamén que por acordo do Goberno municipal tense fixado en 20 o número mínimo de bombeiros en activo cada xornada. “Precisamente é o permanente incumprimento dese mínimo o que, por falla de persoal, provoca que non se poida abrir o parque de Coruxo”, sinalou. Neste sentido, volveu subliñar que Coruxo non é un parque auxiliar se non un dos dous parques de bombeiros cos que atender un termo municipal de 110 quilómetros cadrados.
Desde o BNG volven sinalar a responsabilidade do Goberno de Abel Caballero nesta situación límite. A este respeito, o portavoz municipal nacionalista considera “incomprensíbel que a día de hoxe haxa vacantes sen cubrir no servizo de bombeiros, ou que fiquen sen executar as OPE desde o ano 2021”, feito ao que se engade que os reforzos anunciados nas últimas semanas non van impedir que, tal e como teñen denunciado as organizacións sindicais, este 2024 vaia concluír con 5 bombeiros menos dos que hoxe hai en activo.
“Vigo sen bombeiros non é segura e por iso desde o BNG temos que volver esixir ao Goberno municipal que se deixe de escusas e de falsas solucións, como o plan de reforzos recentemente aprobado, e dote o servizo de bombeiros de Vigo do persoal necesario para atender a maior cidade de Galiza” remachou Igrexas.