O BNG de Vigo avalía en asemblea os dous primeiros anos de mandato municipal
A fronte nacionalista pon en valor o traballo realizado e que deu lugar a máis de 435 propostas, iniciativas e posicións públicas.
Fíxanse como obxectivo “multiplicarse” organizativa, social e politicamente para facer avanzar a súa “alternativa solvente e en positivo” que permita darlle un novo impulso a Vigo fronte a inercia anémica do actual Goberno.
VIGO, 10 de xuño de 2021.- O Bloque Nacionalista Galego realizou esta tarde en Vigo unha asemblea local para facer balanzo dos dous primeiros anos do mandato municipal. Na xuntanza, que estivo aberta á participación de simpatizantes, realizouse unha análise colectiva da situación política da cidade e da situación organizativa da fronte nacionalista. Aliás, o encontro serviu para definir perspectivas de cara aos vindeiros meses e ao horizonte electoral de 2023, así como para trazar liñas de actuación política, social e organizativa que lles permitan atinxir os seus obxectivos.
A asemblea local decorreu cunha importante participación e o debate pivotou nun documento político elaborado polo Consello Local e intitulado “Multiplicarnos para avanzar”.
O responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero, subliñou a tendencia de medre continuado da fronte nacionalista na cidade, tanto en termos electorais como organizativos, cunha significativa entrada de nova afiliación, especialmente xente moza.
“É claro que estamos en condicións de dar un importante salto, consolidando o nacionalismo galego como verdadeira alternativa política na principal cidade do noso País, e converténdonos nunha forza política determinante a nivel local. Nese sentido, a tarefa estratéxica é a de multiplicarnos para avanzar, tanto potenciando a nosa intervención política e social como robustecéndonos como organización”, defendeu o responsábel local.
Otero salientou e agradeceu o “enorme traballo” realizado pola militancia do BNG e de Galiza Nova. “O voso compromiso incombustíbel con esta cidade e con Galiza e a favor das clases populares e traballadoras é o verdadeiro motor do BNG”, recoñeceulles.
Seguir sumando para multiplicarse
Pola súa parte, o concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, destacou o “punto de inflexión” que supuxo o retorno do nacionalismo ao principal Concello de Galiza, coa recuperación da representación institucional nas eleccións de 2019.
Igrexas deu conta do traballo municipal realizado durante esta primeira metade do mandato, valorizando que estivo marcado por “unha labor constante, en contacto estreito cos movementos sociais, a pé de rúa” que deu lugar a máis de 435 propostas, iniciativas e posicións públicas, orientadas a visibilizar unha “alternativa solvente e en positivo” para a cidade perante a “inercia anémica” na que, segundo o portavoz municipal nacionalista, está instalado o actual Goberno municipal.
“Fronte a un goberno instalado nas políticas aparenciais o BNG puxemos o foco nas necesidades reais da cidade”, resumiu, citando entre outras cuestións o traballo realizado en relación á pandemia, as necesidades sociais e o contexto laboral e produtivo, a defensa dos servizos públicos, a cuestión cultural e medioambiental, ou a mellora da mobilidade.
No entanto, Igrexas chamou á militancia do BNG e ás persoas simpatizantes a non caer na autocompracencia e instou a redobrar esforzos nos vindeiros meses. “Hai espazo para que o nacionalismo volvamos ser unha forza determinante para facer avanzar a cidade. Estamos en condicións de multiplicarnos, mais iso esixe tamén multiplicar o noso traballo en todos os ámbitos. Empurrando desde baixo a mudanza que precisa Vigo, para atender as necesidades reais das viguesas e dos vigueses, facer do Concello un parapeto social contra a crise e poñer fin ao abandono dos nosos barrios e parroquias”, enfatizou.
As conclusións recollidas na asemblea serán incorporadas ao documento político e as súas liñas mestras serán presentadas publicamente a semana próxima polo portavoz municipal.