O BNG de Vigo rexistra unha declaración institucional contra a guerra na Ucraína

Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG en Vigo
Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG en Vigo

A fronte nacionalista pide o apoio unánime do Pleno municipal para condenar a invasión rusa, esixir o inmediato cesar o fogo, expresar a solidariedade co pobo ucraíno e polo retorno ás vías diplomáticas como único camiño para a paz.

Xabier P. Igrexas: “Esta declaración quere ser a expresión dun contundente non á guerra, sen ningún tipo de pero nin matiz, e por un compromiso firme pola paz”.
O BNG de Vigo rexistra unha declaración institucional contra a guerra na Ucraína

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar unha proposta de declaración institucional no Concello de Vigo contra a guerra na Ucraína. A fronte nacionalista pide o apoio unánime do Pleno municipal para condenar a invasión rusa, esixir o inmediato cesar o fogo e a retirada das tropas rusas, expresar a solidariedade co pobo ucraíno e polo retorno ás vías diplomáticas como único camiño para lograr a paz.

“Esta proposta do BNG é absolutamente coherente coa posición firme que, desde un primeiro momento, sostivemos en oposición a este novo conflito armado. É unha proposta para dar unha resposta rotunda de rexeitamento a esta guerra inxusta, que só provoca o sufrimento dos pobos”, explicou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.

O edil nacionalista chamou ao resto de forzas políticas da Corporación local a apoiar esta declaración que “quere ser a expresión dun contundente non á guerra, sen ningún tipo de pero nin matiz” e que, asegurou, recolle “o sentir maioritario da sociedade viguesa que ve con arrepío o que está a suceder na Ucraína”.

Igrexas reiterou o compromiso da fronte nacionalista cos seus principios pacifistas, antimilitaristas e antiimperialistas porque “as armas nunca son a solución a nada”. Nese sentido, criticou os “discursos miserábeis” –en alusión a diferentes intervencións públicas por parte de PP e PSOE– nas últimas semanas por “utilizar unha cuestión tan grave para atacar con absolutas mentiras e de maneira partidista ao BNG”.

A declaración rexistrada polo Bloque consta de cinco puntos:
 

  1. Condenar a agresión de Rusia a Ucraína e mostrar a total solidariedade co pobo ucraíno.
     
  2. Esixir un inmediato alto o fogo e a retirada das tropas rusas do territorio ucraíno.
     
  3. Solicitar respecto para o dereito internacional, os dereitos humanos e os Acordos de Minsk, e que se traballe pola resolución do conflito no marco da ONU e da OSCE.
     
  4. Demandar o retorno á vía diplomática como única fórmula para resolver as diferenzas para acadar acordos de paz duradeiros.
     
  5. Apoiar e colaborar nas medidas de axuda humanitaria que se decidiren para facer fronte á crise de persoas refuxiadas.
O BNG de Vigo rexistra unha declaración institucional contra a guerra na Ucraína