O BNG de Vigo pide aclarar os motivos para desaconsellar o baño na praia da Calzoa
A fronte nacionalista demanda ao goberno de Abel Caballero que escoite as reiteradas denuncias veciñais e de colectivos ecoloxistas que alertan do impacto ambiental por ser o único areal canino.
Xabier P. Igrexas: “Non só está a demostrarse o erro de concentrar nunha praia toda a presenza de cans, tamén evidencia a absoluta falla de supervisión do Concello”
O Bloque Nacionalista Galego pide que o Goberno municipal de Vigo aclare os motivos para desaconsellar o baño na praia da Calzoa. A fronte nacionalista vén de solicitar á concellería de Medio Ambiente os informes e analíticas que motivaron esta recomendación e apunta que a presenza masificada de cans, pola decisión unilateral do goberno de Abel Caballero de concentralos só neste pequeno areal, pode provocar importantes danos ambientais, tal como denuncia a veciñanza e colectivos ecoloxistas.
“O Concello non deu ningunha información das causas para non recomendar o baño na Calzoa desde o pasado 3 de agosto, como tampouco fixo en maio nin o verán pasado”, subliñou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que chamou ao Goberno municipal a escoitar as advertencias reiteradas por converter este areal no único autorizado na cidade para a presenza de cans.
“Esta decisión unilateral e caprichosa de Abel Caballero, que non tivo en conta nin á veciñanza, nin aos colectivos de defensa ambiental nin tan sequera ás organizacións animalistas, acaba por provocar este tipo de situacións”, afeou o edil nacionalista, que asegurou que desde hai moito tempo estas voces veñen alertando de impactos ambientais sobre a fauna e a flora do areal.
“Non só está a demostrarse o erro de concentrar nunha praia toda a presenza de cans, tamén evidencia os efectos da absoluta falla de supervisión do Concello”, valorou Igrexas. Neste sentido, desde a fronte nacionalista criticaron que non se estea a respectar a ordenanza de praias nin se garantan as mínimas condicións hixiénico-sanitarias. “É unha evidente irresponsabilidade do goberno de Abel Caballero por non exercer as súas competencias á hora de supervisar o estrito cumprimento das normas de uso dos nosos areais”, remachou.