O BNG de Vigo propón destinar 25 millóns a un programa de orzamentos participativos para 2026

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

Pide poñer en marcha esta medida piloto para que a veciñanza decida directamente en que se invisten os recursos municipais, como fan moitas cidades dende hai décadas

Xabier P. Igrexas: “A decisión sobre como usar o diñeiro de todas as viguesas e vigueses non pode tomarse só en función do capricho do alcalde ou do seu grupo de Goberno”

O BNG de Vigo propón destinar 25 millóns a un programa de orzamentos participativos para 2026

O Bloque Nacionalista Galego propón a posta en marcha dun programa piloto de orzamentos participativos en Vigo o vindeiro ano 2026. A fronte nacionalista vai trasladar esta medida á vindeira Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda para que as viguesas e vigueses decidan directamente en que se invisten un mínimo de 25 millóns de euros dos próximos presupostos do Concello.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, considerou que “é momento de avanzarmos” para que a veciñanza e os colectivos sociais participen na definición dos orzamentos, por tratarse da “decisión máis importante” por definir a que se van destinar os recursos municipais e que necesidades se van atender. Unha medida que se desenvolve con éxito dende hai décadas en numerosas cidades do mundo e do Estado.

Igrexas defendeu os orzamentos participativos como unha fórmula para impedir a “xordeira absolutista” do Goberno de Abel Caballero, a quen reprochou que converta cada ano os orzamentos en “papel mollado” deixando máis de 100 millóns de euros sen executar. “Non podemos seguir soportando presupostos que insisten en gasto aparencial e grandes inauguracións, mentres os nosos barrios e parroquias continúan abandonados e as necesidades reais das viguesas e vigueses seguen desatendidas”, valorou.

Dende o Bloque reivindicaron esta medida como un “instrumento fundamental para fortalecer a democracia a nivel local, na certeza de que democracia é moito máis que votar cada catro anos”. Con orzamentos participativos, aseguraron, será a veciñanza quen decida de forma directa como cales son os proxectos prioritarios, fomentando a transparencia, reducindo desigualdades e dando voz a colectivos e veciñanza.

“A decisión sobre como usar o diñeiro de todas as viguesas e vigueses non pode tomarse só en función do capricho do alcalde ou do criterio do seu grupo de Goberno”, afirmou o portavoz municipal do BNG, defendendo que “Vigo merece uns orzamentos de toda a cidade e para toda a cidade”.

O BNG de Vigo propón destinar 25 millóns a un programa de orzamentos participativos para 2026