O BNG de Vigo reclama que os beneficios da parcela de Alfageme se destinen ao pago da débeda co antigo persoal
A fronte nacionalista demanda garantir o cumprimento do acordo plenario unánime de 2010 que recoñecía o dereito das extraballadoras/es ao cobro das indemnizacións pendentes coas plusvalías xeradas co desenvolvemento urbanístico da antiga factoría
Xabier P. Igrexas: "Non queremos pensar que Abel Caballero queira deixar tirado ao persoal da conserveira, polo que o Concello non pode permitir un goloso pelotazo para uns poucos"
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo reclama que as plusvalías que se xeren co desenvolvemento urbanístico da parcela da antiga Alfageme se destinen ao pago da débeda co antigo persoal da conserveira. A fronte nacionalista anuncia que, tanto na Xerencia de Urbanismo como no vindeiro Pleno, demandará garantías do Goberno municipal para que se cumpra do acordo unánime de 2010, polo que se recoñecía o dereito das extraballadoras e traballadores ao cobro das indemnizacións pendentes cos beneficios dos terreos da factoría.
"Non queremos pensar que Abel Caballero, que presidía aquel Pleno e se sumou ao acordo, queira deixar agora tirado ao antigo persoal”, valorou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, tras reunirse con representantes do colectivo. Lamentou nese sentido que nin o alcalde nin a concelleira de Urbanismo teñan atendido a solicitude de xuntanza realizada polas extraballadoras e traballadores.
O candidato do BNG advertiu que “o Concello non pode permitir que o desenvolvemento urbanístico desa parcela sexa un goloso pelotazo para a actual propiedade, en mans dun potente grupo inmobiliario, consentindo un roubo descarado co antigo persoal”
Igrexas reiterou o “completo e enérxico” apoio do BNG ás reivindicacións do colectivo de extraballadoras e traballadores, que iniciaron nos pasados meses unha ofensiva legal e institucional para o abono destas débedas, pendentes desde hai máis dunha década.
A ese respecto, o edil nacionalista salientou que no proxecto de novo PXOM non se recolle esta carga urbanística pola que dar prioridade sobre os beneficios da promoción ao pago das indemnizacións pendentes tralo peche da conserveira. Afeou ademais que a ficha do PERI previsto non conte con planificación en detalle, malia prever dedicar case 90 mil cadrados a usos residencias de até 8 alturas nesta parcela cunha localización “privilexiada”.