O BNG de Vigo demanda sancións a Vitrasa tras confirmarse que os recortes de frecuencias non foron autorizados polo Concello
A fronte nacionalista urxe a recuperación total dos servizos ordinarios en todas as liñas de luns a domingo
O Goberno municipal recoñeceu, por escrito, que non se autorizara desde a fin da folga ningunha redución no servizo de bus urbano
Xabier P. Igrexas: “É inaceptábel que dez días despois a cidade non teña as mesmas frecuencias e horarios que antes da folga”
O Bloque Nacionalista Galego demanda que o Concello de Vigo sancione á empresa concesionaria dos servizo de bus urbano, Vitrasa, despois de se ter confirmado que os recortes de frecuencias que se padecen desde a fin da folga indefinida non contan con autorización municipal.
Así o trasladou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, facendo público que diante da esixencia formulada pola fronte nacionalista ao alcalde de que o Concello actuase para garantir a completa recuperación do servizo de bus, o Goberno municipal indicou nun escrito de resposta, asinado polo concelleiro de Fomento, que “desde a finalización da folga non figura ningún expediente autorizando o recorte dos servizos de transporte urbano, prestados pola empresa Viguesa de Transportes SL”.
Para Igrexas é inxustificábel que dez días despois da fin da folga indefinida non se recuperasen o cento por cento dos servizos e frecuencias ordinarias. Unha situación que supón que Vitrasa non está a cumprir coas súas obrigas como concesionaria.
“Supón volver castigar a veciñanza de Vigo, despois de padecer as consecuencias de 108 días de folga indefinida e, antes, de paros parciais durante 3 anos de conflito”
“É inaceptábel que dez días despois a cidade non teña as mesmas frecuencias e horarios que antes da folga, sendo especialmente grave o recorte que inda se padece nas fins de semana e nas liñas 17, 18, 31 e H3 nas que inda se manteñen restricións”, denunciou o portavoz municipal nacionalista. En relación a esta última, a H3, subliñou que se trata da liña que conecta os barrios de Teis, Travesía e Lavadores cunha dotación tan importante como é o Hospital Álvaro Cunqueiro, e que arestora mantén unha única frecuencia de ida (sen retorno) ás 7:35h da mañá.
Desde a fronte nacionalista lamentan que o Goberno municipal non dese resposta, nin por escrito, nin na Comisión Informativa de Fomento celebrada este luns, a respeito de medidas adoptou ou vai adoptar para poñer fin a esta situación e garantir que o servizo de bus urbano volva á completa normalidade.
“E agora, desde o BNG, temos que preguntarlle ao Goberno municipal de Abel Caballero que se estes recortes non foron autorizados polo Concello, que medidas sancionadoras vai aplicar en contra de Vitrasa por non prestar o servizo que necesita a veciñanza de Vigo e por incumprir, máis unha vez, o prego da súa concesión municipal”, interpelou Igrexas.