O BNG de Vigo urxe que Concello e Xunta cooperen para ofrecer 400 vivendas de alugueiro social antes de fin de ano

A fronte nacionalista pide un Plan de Choque para as 22 mil vivendas baleiras existentes na cidade, principiando polos inmóbeis dos que é titular a Sareb e os bancos rescatados

Xabier P. Igrexas: “É hora de pasar dos discursos aos feitos ante a emerxencia habitacional que sofre Vigo, nunha cidade con tantas vivendas sen xente non se pode tolerar que cada vez máis xente quede sen casa”

O BNG de Vigo urxe que Concello e Xunta cooperen para ofrecer 400 vivendas de alugueiro social antes de fin de ano
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo demandou hoxe no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo que Concello e Xunta impulsen de inmediato un Plan de Choque para facer fronte á grave crise de acceso á vivenda na cidade. A proposta, que busca garantir antes de que remate 2025 un mínimo de 400 vivendas en réxime de alugueiro social, responde á situación de “emerxencia habitacional” marcada polo encarecemento dos alugueiros —cun aumento do 30% nos últimos cinco anos— e a escaseza de oferta residencial, superada cinco veces polo número de pisos turísticos.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou a urxencia de actuar nun contexto no que máis de 5 mil persoas están rexistradas como demandantes de vivenda protexida, mentres nos últimos 15 anos a Xunta só promoveu 62 vivendas públicas en Vigo e o Concello ningunha. 

“É hora de pasar dos discursos aos feitos ante a emerxencia habitacional que sofre Vigo”, declarou Igrexas, criticando a inacción dos gobernos municipal e autonómico fronte a un problema que afecta especialmente ás clases populares e traballadoras e a mocidade. O plan proposto polo BNG busca duplicar a oferta de alugueiro existente na actualidade na cidade olívica e facelo a prezos accesíbeis para a maioría social.

Medidas

Como medidas concretas, o BNG demanda mobilizar as máis de 22 mil vivendas baleiras rexistradas en Vigo segundo o INE, a principiar polos máis de 300 inmobles propiedade da Sareb e de entidades financeiras que foron rescatadas con fondos públicos. Ademais, insta ao Goberno municipal de Abel Caballero a utilizar os aproveitamentos urbanísticos, que legalmente lle corresponden ao Concello, para crear vivenda pública en lugar de “seguir facendo caixa” con eles. 

“Nunha cidade con tantas vivendas sen xente, non se pode tolerar que cada vez máis xente quede sen casa”, engadiu Igrexas. A fronte nacionalista advirte que sen unha intervención decidida a crise habitacional seguirá agravándose e fai un chamamento a ambas as dúas administracións para que asuman a súa responsabilidade e poñan en marcha solucións inmediatas que garantan o dereito á vivenda na maior cidade da Galiza.

O BNG de Vigo urxe que Concello e Xunta cooperen para ofrecer 400 vivendas de alugueiro social antes de fin de ano