O BNG de Vigo volve urxir a reforma da piscina de Teis que leva 815 días fechada
A fronte nacionalista denuncia que inda non se iniciou a licitación das obras a pesar de que o pasado 19 de xuño rematou o prazo para a entrega do proxecto de reforma
Xabier P. Igrexas: “A este paso van chegar as seguintes eleccións municipais, no 2027, e a piscina de Teis seguirá clausurada”
O Bloque Nacionalista Galego volveu urxir o Goberno municipal de Vigo a executar a reforma integral da piscina de Teis, que leva fechada 815 días tras o incendio que sufriu en maio de 2022.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrou que son máis de “1500 persoas usuarias as afectadas polo feche desta instalación deportiva”. Neste sentido, denunciou que, a pesar de que hai dous meses -o pasado 19 de xuño- finalizou o prazo para que a empresa adxudicataria entregara o proxecto de reforma, o Goberno municipal inda non iniciou o proceso de licitación das obras.
É por iso que a fronte nacionalista reclama ao executivo de Abel Caballero que concrete os prazos nos que se vai materializar a “mil veces anunciada reforma”, lembrando que en agosto do pasado 2023 o rexedor anunciara que as obras se iniciarían as obras de mellora un mes despois, para posteriormente iniciar a licitación do proxecto de obra que se formalizou en marzo deste ano.
O portavoz municipal nacionalista tamén subliñou as incertezas que provoca que nos orzamentos municipais deste 2024 só figure unha partida de 450 mil euros, cando o custe da reforma estímase en arredor de 3 millóns de euros.
“A este paso van chegar as seguintes eleccións municipais, no 2027, e a piscina de Teis seguirá clausurada”, alertou Igrexas, que reclamou a Caballero que “deixe de castigar a veciñanza de Teis co seu desleixo e incapacidade na xestión”. “Xa abonda de promesas e anuncios, é hora de resolver”, remachou.