O BNG critica o veto do Goberno de Caballero a incorporar 25 millóns para emprego, vivenda, política social e parroquias
Afea o bloqueo do PSOE ás propostas nacionalistas durante o Pleno de aprobación dun modificativo de crédito que “vai enterrar 31 millóns de euros en obra inaugurábel e pagos a grandes empresas”
Xabier P. Igrexas: “Os remanentes xerados pola falla de xestión do Goberno local teñen que ser devoltos en forma de políticas que atendan as necesidades reais das viguesas e vigueses”
O Bloque Nacionalista Galego critica o veto do Goberno de Abel Caballero ás súas propostas para incorporar 25 millóns de euros adicionais dos remanentes para políticas de emprego, vivenda, transporte, política social e investimentos nos barrios e parroquias de Vigo. A fronte nacionalista afea o voto negativo a estas medidas por parte do grupo municipal socialista durante o Pleno extraordinario, celebrado este martes, para a aprobación dun modificativo de crédito.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cuestionou nese sentido que o Goberno de Caballero vaia “enterrar” 20 dos 31 millóns desta modificación orzamentaria (dos case 115 millóns dispoñíbeis en remanentes) en “obra inaugurábel e pagos a grandes empresas” como unha nova indemnización a Vitrasa, facer fronte á sentenza xudicial polos aparcamentos privados e un último pago polo ascensor HALO.
Igrexas asegurou que estes remanentes son a evidencia da “incapacidade e falla de xestión” do Goberno local para facer realidade as súas propias contas. Unha situación que, advertiu, vaise repetir este exercicio. “Á metade de ano estaban sen executar 8 de cada 10 euros do orzamento”, reprochou, reiterando o risco de que estes recursos queden inmobilizados a partir do vindeiro ano polo levantamento da suspensión da regra de gasto.
Nesa liña, o portavoz municipal do BNG acusou ao Goberno de Caballero de “traballar ben pouco” por tardar catro meses en trasladar ao Pleno municipal esta modificación orzamentaria. Sobre a mesma, cuestionou que destinen outros 12 millóns de euros en concepto de indemnización a Vitrasa (para un total de 18 millóns) cando a concesionaria do servizo municipal de bus urbano aínda non atendeu as “lexítimas reivindicacións” do persoal, que veñen de advertir de novas mobilizacións polo “enroque” da empresa.
Voto particular do BNG
Diante desta situación, o BNG formulou un voto particular para mobilizacións 25 millóns de euros extra dos remanentes para devolvelos en forma de “políticas que atendan as necesidades reais das viguesas e vigueses”. Así, a fronte nacionalista propuxo o denominado ‘Plan Cidade’, un programa plurianual e extraordinario de investimentos nos barrios e parroquias dotado con 12,5 millóns de euros; aumentar en 1,2 millóns a partida do Plan de Emprego Municipal; a posta en marcha dunha Axuda Social Extraordinaria con 6 millóns de euros que sexa complementaria a outras axudas; un Plan Municipal Facilitador do Alugueiro con 2,25 millóns de euros; facer gratuíto o bus para as persoas desempregadas e as menores de 14 anos e despregar “dunha vez por todas” o Anel Verde nos montes da cidade prometido por Abel Caballero após os lumes de 2017.