Da Silva insta á mocidade “ecoloxista, rebelde e orgullosamente galega” a confiar no BNG para que Galiza conte no Congreso
A cabeza de lista por Pontevedra, coas Cíes de fondo, defende unha resposta galega á emerxencia climática e parar a eólica mariña
Advirte que só o Bloque pide frear o espolio enerxético a Galiza fronte á connivencia de PP, PSOE “e a esquerda progre”
Coa ría de Vigo e ás Illas Cíes de fondo, a cabeza de lista do BNG ás eleccións do 23X Carme da Silva pediu hoxe en Vigo á mocidade viguesa e galega “ecoloxista, rebede e orgullosa” que confíe na papeleta do BNG para que Galiza conte con máis forza no Congreso e defender o medio e frear o ‘timo verde’. A nacionalista subliñou que é preciso dar unha resposta galega á emerxencia climática e parar a eólica mariña –e tamén terrestre- que pretende inzar o país..
Despois dun encontro con mocidade da zona, os candidatos Brais Ruanova e Nuno Galán, a candidata Sabela Bará, e o portavoz municipal de Vigo Xabier P. Igrexas e rapaces e rapazas novas, a nacionalista destacou que sempre ten sido a mocidade, nomeadamente en Vigo, á que lle preocupou “o noso medio”. “A emerxencia climática que non pode agardar máis. Temos que darlle resposta desde xa desde Galiza. Coa excusa do ecoloxismo verde e da transformación e descarbonización da economía estannos inzando o país de eólicos”, destacou.
Da Silva pediu por iso ás mozas e mozos deste país, nomeadamente na cidade olívica, “que voten con forza, que utilicen a súa rebeldía, que non se conformen, que hai que rebelarse contra todo este espolio ambiental que queren impoñernos. Que voten con ilusión, con ganas, polo BNG porque é a garantía de que imos ter un grupo galego forte que vai defender o noso medio. Estamos a falar que de garantir o noso futuro, do noso medio. Para iso estamos coa mocidade ecoloxista que sempre foi a vangarda da protección do medio no noso país, porque sabemos que a mocidade galega non lle vai fallar ao país”, destacou.
A nacionalista lembrou que nestes momentos “non debe quedar curuto do país que non estea amenazado por un eólico”, destacando que hai máis de 4.000 megavatios instalados e están 11.500 en tramitación só en eólica terrestre. Ao pé das Cíes, dixo, “o que vimos reclamar é que se pare a eólica mariña porque non se pode usar como escusa da transición enerxética. Vai invadir o noso mar!”, advertiu.
Sinalou que en Vigo hai cumio de ministros de Pesca estes días e fixo fincapé en que a Unión Europea, coa escusa da biodiversidade e a protección dos ecosistemas, quere prohibir a pesca. “Sen embargo esa mesma UE amparándose na exoloxía e a protección do medio quere encher o noso mar de eólicos. Temos que parar a eólica mariña e protexer o noso medio porque a nós vainos a vida en coidar do mar”, reiterou.
Tamén subliñou a candidata que “curiosamente” cando o BNG propón no Congreso que se paren os eólicos “vota en contra o PP, o PSOE e toda a denominada esquerda progre”. Só o BNG está a facerlle fronte coa sociedade e a mocidade a parar este espolio eólico.para garantir que se para este espolio, para garantir a protección do noso medio, para garantir que se sanean as rías, para garantir unha transición enerxética xusta que deixa de utilizarnos como colonia enerxética de Madrid, para garantir un tratamento axeitado dos residuos, para un transporte adecuado ás necesidades ambientais que esiximos. Para todo iso hai que votar o 23X ao Bloque Nacionalista Galego. Só un grupo galego forte do BNG vai garantir que o noso medio se protexe”, finalizou.
Dar voz á mocidade vs. aproveitala como caladoiro e atrezzo
Pola súa banda, o tamén candidato Brais Ruanova destacou que a posta en común de problemáticas coa mocidade hoxe en Vigo deixou claro que o BNG non ten á xente nova como un mero caladeiro de votos nin atrezzo, senón que comparte as súas inquedanzas e propón solucións dándolles voz. “A mocidade somos presente, cidadanía. E por iso estamos nas candidaturas do BNG ao 23X”, destacou.
Subliñou varias temáticas de grande importancia, entre elas a vivenda como prioritaria. Salientou que o 90% das mozas e mozos do país menores de 30 non se poden emancipar fronte á realidade de Vigo como segunda cidade do Estado con máis pisos baleiros, que ten máis pisos turísticos que vivenda de alugueiro tradicional, e que dispón dun parque con apenas vivendas por menos de 500 euros mensuais para a residencia habitual.
“A nosa aposta é a transferencia dos inmobles da Sareb que están en mans do banco malo. Estes inmobles xa os pagamos cando foi o rescate bancario. Esiximos a súa transferencia gratuíta para poñelos a disposición nomeadamente da mocidade que nos queremos emancipar”, subliñou, lembrando que tanto PSOE como Unidas Podemos rexeitaron esta proposta “nunha negativa constante a Galiza, a Vigo e á súa mocidade”.
Por iso dixo, “o BNG fai unha chamada á xente moza rebelde que busca transformación e cambio, que sabe e sinte que merece máis que paro, precariedade e emigración, para que aposte polo Bloque porque nunha lles imos virar as costas e un grupo galego forte despois do 23X será garantía de que mocidade poidamos desenvolver a nosa vida na nosa terra”.