Montse Prado pide en Vigo poñer fin á invisibilidade e a precariedade nos traballos de coidados

DSC_0447

A deputada do BNG, e candidata número 2 ao Parlamento galego pola circunscrición de Pontevedra, participou dun acto público en Vigo dentro da campaña polo 8 de marzo.

A fronte nacionalista fará valer a axenda feminista no “cambio galego” que impulsarán após o 5A.

Montse Prado pide en Vigo poñer fin á invisibilidade e a precariedade nos traballos de coidados

O Bloque Nacionalista Galego denunciou a precariedade e invisibilidade que pairan sobre os traballos de coidados, tarefas que son asumidas fundamentalmente por mulleres e en moitos casos sen obteren ningunha remuneración. Así o manifestou a deputada e candidata número 2 ao Parlamento galego pola circunscrición de Pontevedra, Montse Prado, nun acto celebrado esta tarde na cidade de Vigo no marco da campaña do BNG de cara ao 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora.

Prado puxo en valor o traballo realizado a nivel parlamentar polo BNG nos últimos catro anos na cámara galega, en relación á atención da dependencia e a conciliación e trasladou as propostas presentadas na campaña do BNG polo 8M baixo o lema “É a nosa hora”.

A deputada nacionalista lembrou que este ano o movemento feminista galego pon os coidados no centro das reivindicacións do 8 de marzo, e por iso reclamou “condicións salariais e laborais dignas para todas as mulleres que asumen o coidado das persoas dependentes e crianzas nos servizos públicos”. Prado apelou tamén a “cambiar o modelo de traballos dentro da casa e transformalo nunha responsabilidade colectiva, fomentando a corresponsabilidade e a incorporación dos coidados a unha rede de servizos públicos”.

No acto trasladáronse propostas concretas para seguir conquistando dereitos, incluídas na campaña do BNG para o Día Internacional das Mulleres, como a creación dunha Valeduría de Igualdade, con capacidade sancionadora para as empresas que incumpran os dereitos laborais e salariais das traballadoras, ou a realización de auditorías nos servizos públicos sufragados pola Xunta de Galiza.

Precariedade

Canda Montse Prado, interviu tamén a responsábel de Muller da CIG no Porriño, Mercedes Domínguez, que denunciou a situación de enorme precariedade que padecen as mulleres traballadoras nos servizos da axuda no fogar. Neste sentido, a traballadora Flor Fernández, explicou desde a súa experiencia a que situacións se enfrontan diariamente nestes servizos nos que se traballa nunhas pésimas condicións laborais e salariais.

Pola súa banda, a técnica de Igualdade, Ester Mariño, expuxo a problemática dos coidados relacionada con toda unha serie de traballos feminizados e infravalorados, moi precarios e  nos que se perciben os peores salarios e as peores condicións laborais. Como exemplos concretos citou as escolas infantís, os centros de día, residencias da terceira idade, atención a persoas con diversidade funcional, auxiliares e coidadoras en comedores e buses escolares, coidados paliativos ou as traballadoras do fogar. Ámbitos onde a fenda salarial e a discriminación por razón de xénero fanse palpábeis.

Finalmente, no acto fíxose un chamamento a participar masivamente na manifestación promovida polo feminismo galego o próximo 8 de marzo, revalidando a gran capacidade mobilizadora demostrada nos últimos anos.

 

Montse Prado pide en Vigo poñer fin á invisibilidade e a precariedade nos traballos de coidados