Pontón compromete 12.000 vivendas públicas a través da compra de pisos baleiros para ofertar en aluguer a prezo taxado
O BNG aposta por un cambio de modelo optando pola compra nunha Galiza con 500.000 vivendas baleiras, opción máis rápida e sustentábel que a construción para facilitar o dereito a unha vivenda
A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, comprometeuse a poñer a disposición dos galegos e das galegas 12.000 vivendas públicas en réxime de aluguer a prezo limitado ao longo dos próximos oito anos, para dar resposta ás miles de persoas que na actualidade non teñen acceso a este dereito básico porque “os alugueiros están disparados e os salarios non chegan”.
A proposta de goberno do BNG supón multiplicar por catro o o actual parque de vivendas públicas, “unha cifra ambiciosa pero realizable”, destacou Pontón, porque o Bloque pon sobre a mesa un cambio de modelo na política social de vivenda apostando pola compra de vivenda baleira en lugar da construción como elemento estratéxico para aumentar a oferta pública de pisos en aluguer a un prezo taxado que a maioría social poda pagar.
“A adquisición de inmobles xa construídos, e a súa eventual reforma, é unha opción moito máis rápida e máis sustentable que a de preparar, urbanizar solo e despois edificar. Esta fórmula vainos permitir dar resposta en pouco tempo á emerxencia social no acceso á vivenda”, afirmou a candidata, tras salientar que Galiza ten 500.000 vivendas baleiras, 90.000 nas grandes cidades.
Por iso unha das súas prioridades como presidenta da Xunta será “nun cambio de paradigma absoluto, recorrer á compra masiva deses inmobles tanto nos centros históricos como nos barrios e tanto nas cidades como nos concellos cunha gran demanda”, precisou. Pontón fixo este anuncio no barrio vigués de Navia diante dun edificio de vivenda pública remado hai máis de quince anos con BNG como responsable de vivenda no goberno.
Neste escenario, a candidata do Bloque criticou a inacción do goberno do PP que ao longo do últimos quince anos “dinamitou” a política social de vivenda e hoxe o acceso a unha vivenda é misión imposible para miles de galegos e galegas, sobre todo para a xente moza pero tamén para as familias con rendas baixas e medias.
Ante esta realidade, Pontón subliñou a súa determinación a dar un “xiro de 180 grados” para dar prioridade a política social de vivenda cun novo modelo no que se primará a compra de pisos baleiros para ofertar a prezo limitado en réxime de alugueiro e sempre desde a titularidade pública. A día de hoxe só o 0,3% da vivenda pública está en aluguer en Galiza, fronte ao 24% de Irlanda do Norte, Escocia e Austria ou o 29% dos Países Baixos.
Por iso, a proposta que recolle o programa de goberno do Bloque implica blindar por lei que os pisos adquiridos serán destinados unicamente ao aluguer para aumentar e consolidar unha bolsa de vivendas que ofrecer á cidadanía. Está vía da compra de pisos baleiros tamén contribuiría a xerar emprego porque, tal e como detallou a candidata, os inmobles adquiridos serán reformados naqueles casos nos que fose preciso antes de ser ofertados.
“O que temos claro no BNG é que non podemos seguir cunha situación na que miles de persoas non poden acceder a un dereito básico como é o da vivenda, nun país que está á cabeza en inmobles desocupados e nunha situación na que milleiros de persoas no poden acceder a unha casa, en particular a mocidade galega que está á cola en emancipación porque non poden pagar un aluguer”, asegurou.
Pontón incidiu na necesidade de poñer en marcha unha “política intensiva de vivenda” despois de quince anos de “parálise e abandono” por parte do Goberno do PP. Quince anos nos que o rexistro de demandantes de vivenda pública non parou de medrar, até superar as máis de 18.000 solicitudes.
En dez anos, o PP fixo unha cuarta parte de vivenda pública da que fixo só nun ano o goberno do bipartito co BNG na Consellería de Vivenda. Foi ese Executivo quen construíu a vivenda pública do barrio de Navia, no que a candidata se comprometeu a destinar a vivenda pública “como mínimo” a metade dos pisos que están proxectados nesta actuación urbanística, en torno a 1.600.
“Quero ser a presidenta que recupere a política social de vivenda, que poña medidas reais para facilitar o acceso a este dereito fundamental e que deixemos atrás quince anos cun goberno incapaz de tomar medidas eficaces nun asunto que afecta de cheo a vida das persoas”, concluíu Pontón, na súa visita ao barrio vigués de Navia acompañada do cabeza de lista, Luís Bará, e das candidatas por Vigo Alexandra Fernández e Carmela González.