Xabier P. Igrexas: “O BNG imos seguir dando a batalla por un tren de cercanías en Vigo a pesar da oposición de Caballero”
A fronte nacionalista reprocha que o grupo municipal socialista se opuxese á moción na que reclamaban a posta en marcha dun tren de proximidade a nivel metropolitano, a mellora da rede de media distancia e a axilización da saída sur con Porto.
Desde o Bloque recalcan que “as necesidades das viguesas e vigueses nin comezan nin acaban no tren de alta velocidade con Madrid”.
O Bloque Nacionalista Galego reprocha que os votos do grupo municipal socialista teñan tombado a súa moción para implementar unha rede de cercanías na área de Vigo. Unha demanda que formaba parte dunha batería de propostas que procuraban a mellora das conexións ferroviarias da cidade que a maioría do PSOE rexeitou no Pleno municipal celebrado este mércores no Concello de Vigo.
"O contexto de emerxencia climática evidencia que o futuro debe pasar polo ferrocarril como transporte sustentábel, moderno e eficiente", defendeu durante a sesión plenaria o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. A moción recollía outras infraestruturas en materia ferroviaria que, en opinión da fronte nacionalista, son fundamentais para a cidade, como axilizar a saída sur para a conexión de alta velocidade con Porto ou o reforzo dos servizos de media distancia.
“A pesar da oposición de Caballero, o BNG imos seguir dando a batalla para mellorar a conexión ferroviaria da cidade, para termos un tren do século XXI. Vigo precisa ter cercanías e non imos parar até logralo”, advertiu Igrexas. O portavoz municipal nacionalista cualificou de “indefendíbel” que a área de Vigo non teña tren de proximidade, cando outras cidades do Estado con menos poboación dispoñen dela desde hai anos. O Bloque avoga por unha rede de cercanías que conecte a cidade con Pontevedra polo norte e con Tui polo sur.
“As necesidades das viguesas e vigueses non comezan nin acaban na conexión de AVE con Madrid. Queremos un tren que vertebre a nosa realidade metropolitana, que nos conecte mellor co resto do País e que nos permita liderar a Eurorrexión”, manifestou Igrexas, que celebrou a chegada do AVE a Galiza, malia que con tres décadas de atraso. “Caballero prometeu que o AVE chegaría en 1993 e mesmo amagou con renunciar a ser candidato á alcaldía en 2007 por este motivo, pero a día de hoxe a realidade é que o desleixo dos sucesivos Gobernos españois, de PSOE e PP, fan que Cerdedo siga sendo unha ficción”, acrecentou.
O grupo socialista rexeitou as propostas realizadas polo BNG baixo o argumento de que “para programas electorais temos o noso”. Unha resposta que foi obxecto de reproche por parte do edil nacionalista, que asegurou que “o problema do grupo socialista é que o único que ofrece á cidade en materia ferroviaria é a promesa, en forma de letanía, da variante de Cerdedo”. No entanto, a fronte nacionalista reiterou no Pleno o seu compromiso con que Vigo teña unha conexión directa, isto é sen transbordos, de alta velocidade coa meseta.