O BNG de Vigo esixe que a Xunta reforce con máis medios a sanidade pública diante da “evolución explosiva” da Covid19
A fronte nacionalista considera insuficientes as restricións aprobadas nas últimas horas e insta o Goberno galego de Feixóo a actuar en lugar de transferir a responsabilidade á cidadanía.
Piden máis persoal e recursos para o conxunto da rede asistencial da sanidade pública na perspectiva de que 2022 poida comezar con máis de 10 mil casos activos na área sanitaria de Vigo.
Xabier P. Igrexas: “Diante da evolución pandémica a Xunta non pode ser na nosa cidade apenas un holograma lumínico, un logotipo proxectado na fachada da nova cidade da Xustiza”
O Bloque Nacionalista Galego lamentou a falla de acción e de resposta da Xunta de Galiza, en tanto que autoridade sanitaria, diante da “evolución explosiva” da pandemia de coronavirus na área sanitaria de Vigo.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de “insuficiente” a actuación do Goberno galego perante o agravamento da evolución pandémica. Igrexas reseñou que, segundo os últimos datos dispoñíbeis, son 9.345 os casos rexistrados de Covid 19 na área sanitaria de Vigo, e que nos últimos sete días a cidade incrementou en mais de 2.800 os positivos.
“As medidas de restricións acordadas nas últimas horas pola Xunta, algunhas delas de maneira moi confusa, vanse tornar evidentemente insuficientes para enfrentar a viralidade da variante Omicron que está marcar records históricos de contaxios”, advirte Igrexas.
Desde a fronte nacionalista consideran que non abonda con esas restricións ou apelar ao autocoidado é a responsabilidade social para efrontar unha sexta vaga de contaxios que consideran está desbocada. Neste sentido, esixen unha rectificación da política sanitaria. “É momento de reverter os recortes, poñendo máis medios, máis recursos, máis persoal, para robustecer a capacidade de resposta asistencial da sanidade pública”, reclaman. Un reforzamento que consideran imprescindíbel para atallar a situación límite no PAC de Vigo, o colapso dos centros de saúde de Atención Primaria e tamén o incremento sostido da presión asistencial a nivel hospitalario
O portavoz municipal nacionalista amosou tamén a súa desconformidade coas restricións que se están a aplicar nas medidas de diagnóstico e control precoz da transmisión vírica, como son os puntos para a práctica de PCR ou o acceso a test de antíxenos. “O que hai que facer é precisamente o contrario, redobrar esforzos, para a través destas probas diagnósticas ter datos e instrumentos para conter a propagación do virus”, argumentou.
A Xunta reducida a un holograma
Igrexas expresou unha crítica “clara e contundente” en relación ao papel que está a asumir a Xunta de Galiza na área de Vigo. “A Xunta non pode ser na nosa cidade apenas un holograma lumínico, un logotipo proxectado na fachada da nova cidade da Xustiza”, reprochou o edil nacionalista.
“Onde está a Delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias?” preguntouse, sinalando que debera estar á cabeza para coordinar os esforzos adicionais para enfrontar os efectos sociosanitarios desta nova vaga de contaxios. “Hai que tomar medidas para evitar o colapso da atención sanitaria en Vigo”, esixe alertando de que a actual evolución sinala que moi probabelmente se encete o 2022 superando a cifra dos 10 mil casos activos na área viguesa.
“O papel do Goberno galego non pode ser o de transferir a responsabilidade, cando non directamente culpabilizar, á cidadanía. Teñen que poñer en marcha todos os medios, todos os recursos e todas as capacidades para protexer en maior medida a saúde e a vida das persoas”, remachou Pérez Igrexas.