MUNICIPAIS 2023
Xabier P. Igrexas chama á mocidade de Vigo a “non conformarse con máis do mesmo e a protagonizar un tempo novo na cidade”
O BNG aposta por reverter o “total desmantelamento da política xuvenil” en Vigo creando oportunidades para que “a xente moza deixe de ter que escoller entre desemprego, precariedade ou emigración”
O candidato á Alcaldía apelou a sumarse á alternativa en positivo das nacionalistas para conquistar o Vigo do futuro: “Para o BNG non sodes figurantes para un selfie simpático”
O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, chama á mocidade de Vigo a “non conformarse con máis do mesmo e a protagonizar un tempo novo na cidade”. Así o manifestou nun acto público con xente moza realizado este sábado e no que estivo acompañado por integrantes mozos da candidatura municipal da fronte nacionalista.
“A mocidade non sodes só o futuro, sodes xa o presente de Vigo e tedes que ser quen protagonice a transformación que precisa a nosa cidade”, apelou Igrexas, quen se comprometeu a que o Concello “deixe de castigar a xente nova” como, segundo apuntou, sucedeu nos últimos anos.
Un “castigo” que sintetizou no “total desmantelamento da política xuvenil” da cidade na que, noutros momentos por impulso do BNG, Vigo chegou a ser “vangarda” a nivel galego e estatal. En concreto, criticou a desaparición de programas como o Súbete ó Castro, os Castroconcertos, a Liga Xuvenil de Improvisación Teatral, o Punto Xove, o desmantelamento da Casa da Xuventude ou o “brutal maltrato” contra do Vigosónico.
“As mozas e os mozos de Vigo merecedes moito máis que uns poucos grandes concertos no verán. Merecedes políticas municipais que aposten en crear oportunidades para que deixedes de ter que escoller entre desemprego, precariedade ou emigración”, afirmou o candidato nacionalista, quen subliñou a aposta do BNG por despregar medidas reais para facilitar o acceso á vivenda e tamén ao emprego da xuventude.
“Para o BNG non sodes figurantes para un selfie simpático, sodes quen pode protagonizar un cambio de etapa, quen abra un tempo novo na cidade. Nós non vos queremos de atrezo dun BeReal senón que queremos que empurredes con nós a conquista do Vigo do futuro. O Vigo que soñamos e merecemos”, remachou Igrexas, marcando distancia co comportamento do actual alcalde.
“Por máis que insistan en facervos crer que o resultado do 28 de maio está escrito, que nada se pode facer, que nada pode mudar, o BNG dicimos que si, que o voso voto é decisivo e que pode marcar a diferenza. Na vosa man está seguir quedando atrás con quen só pode ofrecer máis do mesmo, ou sumarvos á alternativa aberta e en positivo coa que o BNG queremos levar Vigo máis alá”, concluíu o candidato á alcaldía do Bloque na cidade olívica.
Mudar o Plan de Emprego Xuvenil
No acto interviron tamén integrantes mozos da candidatura da fronte nacionalista en Vigo. Entre eles, o candidato número 13, Nuno Galán, considerou preciso un “cambio radical” do Plan de Emprego Xuvenil para enfrontar o contexto de empregos “inestábeis, precarios e mal pagados” que afectan á xente moza. “Nos orzamentos de 2022, que contaron con máis de 400 millón de euros, o Goberno municipal non executou nin un só euro deste plan que ten que servir para dinamizar o noso acceso ao mercado laboral, para nos formar e nos orientar ou para apoiar os nosos proxectos de empredemento”.
Alternativas de mobilidade
De por parte, a candidata número 18, Iria Costas, chamou a dar alternativas de mobilidade para a mocidade, que se ve obrigada a ter coche privado para desprazarse na cidade. “Somos moitas as que queremos movernos pola cidade dun xeito máis sostíbel, máis saudábel e máis económico”, apelou Costas. Defendeu, nese sentido, o proxecto do BNG que aposta por revolucionar a mobilidade, mellorando o transporte público, e dando prioridade a mobilidade peonil, en bicicleta e vehículos de mobilidade persoal.
Solucións aos alugueiros “abusivos”