Acto comarcal do BNG en Vigo conmemorativo do Día da Patria
O pasado venres 19 de Xullo, tivo lugar na Alameda de Vigo o acto organizado polo BNG en conmemoración do día da Patria. Este acto vén enmarcado na campaña nacional Galiza pola Soberanía, que terá como acto central unha manifestación o próximo 25 de xullo ás 12:00h en Compostela.
O evento reivindicativo da lingua e cultura galegas, celebrado en Vigo, tivo por lema A cultura pola soberanía. Así, as persoas asistentes puideron disfrutar das actuacións da contacontos Adelaida Vidal, das regueifas retranqueiras de O Xordo e O Caco e das cancións de loita de Alba María e de Mini e Mero.
Raquel Vázquez, membro da Executiva Comarcal fixo unha valoración da situación da cultura galega, e recordou que a defensa da cultura e do idioma van ligadas á cuestión da soberanía. O secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, dirixiu unhas palabras nas que alertou, unha vez máis, do empeoramento das conciciós da mocidade, e reiterou importancia de conquerir a soberanía, porque do contrario a única saída será emigración. Finalmente, Enrique Vieitez, responsable local do BNG, fixo un repaso pola crise dos sectores e reafirmouse tamén na necesidade da soberanía.
Posteriormente, os asistentes dirixíronse á presentación e proxección do documental A fazaña da liberdade", sobre a vida de Alexandre Bóveda, coa participación de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel (Historiador) e Seném Outeiro (Director do filme).