O BNG rexeita os orzamentos “electoralistas” da Xunta por insistir no abandono de Vigo

xpi02
Xabier P. Igrexas, candidato do BNG á alcaldía de Vigo.
  • O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de “propaganda electoral” os anuncios millonarios e denunciou que a política real do Partido Popular foi a de “ignorar permanentemente as necesidades da cidade”
  • Nos próximos días presentarán emendas aos presupostos galegos para garantir que “Vigo estea presente”. 
O BNG rexeita os orzamentos “electoralistas” da Xunta por insistir no abandono de Vigo

 “Pura propaganda electoral”. Así valorizou o candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, a proposta de orzamentos da Xunta de Galiza para o próximo ano que vén de ser presentada no Parlamento de Galiza e cuxas liñas principais se fixeron públicas. Igrexas rexeita unhas contas que insisten no “total abandono” ao que o Goberno galego do Partido Popular leva anos a condenar a cidade olívica. 

“Vai facer falla moito máis que uns números sobre o papel para que as viguesas e os vigueses poidan esquecer o abandono que padecen por parte da Xunta de Feixóo”, asegurou. Neste sentido, enumerou algunhas das políticas antisociais impostas desde o executivo galego e que supuxeron un claro prexuízo para a cidade. “Non é doado esquecer quen deixou sen atención pediátrica a Coruxo, quen nos condenou a ter un hospital insuficiente e privatizado ou quen reduciu agora á metade o proxecto de centro de saúde para a vila e Bouzas. Van necesitar moito máis que anuncios propagandísticos para que a cidadanía esqueza quen é o responsábel dunha zonificación escolar inxusta que castiga o barrio de Navia, o abandono absoluto do sector naval, o feito de que a Xunta teña prestado cero axuda ás comunidades de montes da cidade un ano despois da brutal vaga de lumes, ou que dúas de cada tres solicitudes queden sen escola infantil pública por falta de prazas” resumiu. 

Emendas

O Bloque estudará en detalle a proposta de orzamentos e xa está a traballar en propostas de emendas coas que elevar o nivel de investimento na cidade. Emendas que, segundo anticipou Igrexas, se centrarán en obrigar á Xunta a exercer as súas competencias atendendo as necesidades dos vigueses e das viguesas en ámbitos como a saúde, a educación, as dotacións e as infraestruturas. 

Por outra parte, o candidato nacionalista, lamentou tamén que a permanente disputa partidista entre Caballero e Feixóo sirva de coartada para que o Goberno galego ignore a principal cidade de Galiza. “Defender Vigo é defender os intereses das veciñas e dos veciños, e iso pasa tamén por ter a capacidade de dialogar e de cooperar, con outras institucións, se o que se quere é resolver problemas e non alimentar unha lea electoral”, reprochou.

O BNG rexeita os orzamentos “electoralistas” da Xunta por insistir no abandono de Vigo