O BNG aposta claramente polo ensino público, a cultura de base e o apoio aos novos creadores
Demolición da cultura galega e desmantelamento da educación pública, co problema do peche de diferentes unidades de ensino en Vigo, foron algúns dos temas abordados no encontro celebrado hoxe por Carme Adán, Marta Dacosta, candidatas 2 e 6 da lista do BNG pola provincia de Pontevedra, e Xesus López, candidato número 11. Nas súas intervencións, os nacionalistas destacaron a aposta clara do Bloque polo ensino público, así como pola cultura como ferramenta esencial para a cohesión e a tranformación social.
Carme Adán salientou que o goberno encabezado por Feijóo caracterizouse pola demolición da cultura galega nas súas múltiples vertentes. A situación alarmante na que se atopa o Marco é un claro exemplo da política cultural do PP. Por intereses partidistas prefiren deixalo esmorecen a colaborar na súa pervivencia, sinalou ao respecto. Puxo asemade outros exemplos da acción do goberno galego, como primar a Fundación Cela fronte a outras entidades e a desprotección da cultura de base.
A candidata nacionalista asegurou que o BNG acredita nunha cultura galega viva, con intención formadora no persoal e transformadora no social, que estimule a participación cidadá, apoie a creación artística, visibilice a nosa produción cultural e actúe como elemento de dinamización e vertebración territorial, social e económica do noso país.
Calidade, innovación e visibilidade
Defendeu o apoio á creación e aos creadores, a través de políticas que promovan a calidade da formación artística, a innovación nos procesos de traballo e a visibilidade social das creacións, así como o reforzo dos organismos públicos de produción e difusión cultural. Neste sentido considerou imprescindible orientar o AGADIC cara a promoción das empresas culturais galegas e na difusión da nosa produción cultural.
Marta Dacosta, pola súa banda, calificou de desastre a actuación da Consellería de Educación ao longo destes tres anos e medio en Vigo. Así, lembrou o peche do colexio de San Roque, xestionado por esta consellería, o peche de unidades educativas no IES manuel Antonio e o peche da escola de educación infantil da rúa Palencia.
A candidata nacionalista destacou que, ademais de defender sen fisuras o ensino público e o mantemento das unidades educativas, o BNG a aposta pola redución dos concertos comezando polos que segregan por sexo, destacou.