O BNG esixe ao Concello que actúe para non deixar incomunicada a veciñanza de Teis polo peche das pasarelas sobre a AP9

ConcentraciónPasarelasAP9(2)
O candidato á alcaldía atendendo a un xornalista durante a concentración

O Bloque demanda a que o Concello se implique en buscar “solucións” en lugar de “asumir burocraticamente unha decisión de Fomento que prexudica a moitas viguesas e vigueses”.

O candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas, participou na concentración da veciñanza afectada e expresoulles o apoio da fronte nacionalista.

O BNG esixe ao Concello que actúe para non deixar incomunicada a veciñanza de Teis polo peche das pasarelas sobre a AP9

ConcentraciónPasarelasAP9Un grupo veciños e veciñas do barrio de Teis volveu concentrarse esta mañá como protesta ante o peche ao tráfico por parte do Concello dos pasos elevados da Xorxa e a Trapa, que atravesan a AP9. O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, e mais o responsábel local da formación nacionalista, Serafín Otero,  participaron desta convocatoria, impulsada pola Asociación Veciñal de Teis, para escoitar de boa man a problemática á que se enfronta á veciñanza a diario co corte destas pasarelas de acceso ao barrio. A veciñanza quéixase de que a construción da AP9 xa supuxo tronzar o barrio e que agora o feche dos pasos elevados suporá incomunicalos e illalos, provocando que teñan que dar grandes rodeos para acceder ás vivendas.

Pérez Igrexas trasladoulle ás veciñas e veciños o seu apoio na reivindicación de que o Concello manteña estes pasos que levan funcionando máis de 35 anos e que “co seu peche o único que farían e sumir á veciñanza nunha absoluta incomunicación”, dixo. O candidato lamenta que o alcalde amose tan pouca sensibilidade e cualificou de “intolerábeis” as declaracións vertidas polo Concelleiro de Seguridade, Carlos López Font nas que acusaba veladamente á veciñanza de non importarlle a súa propia seguridade: “É una valoración política inasumíbel e indecente que demostra a falta de respeito que ten o actual goberno polos veciños e veciñas desta cidade”, engadiu. “Acaso está o concelleiro afirmando que nos últimos 35 anos o Concello de Vigo non garantía a seguridade destas pasarelas?”, inquiriu Igrexas.

Solucións

O candidato nacionalista coincide en que se debe asegurar “sempre e por acima de todo a seguridade” mais critica que o Goberno municipal se teña limitado a “asumir en automático unha decisión do ministerio de Fomento en lugar de buscar solucións”.

“Temos que lamentar que a única resposta que se dá por parte do goberno local é puramente burocrática. Fomento e Demarcación de Estradas determinan agora, despois de máis tres décadas funcionando, que estes pasos non son aptos para tránsito de vehículos e o Concello asume este cambio sen máis deixando ós veciños e ás veciñas nunha total situación de desamparo”, declara Igrexas. Nese sentido, demanda que de maneira urxente o Goberno local reciba á veciñanza afectada e de que de inmediato abra unha interlocución directa con Fomento para procurar solucións. “Se o actual deseño e estado das pasarelas non permite, segundo o ministerio, o tránsito de vehículos, haberá que adecualas e reformalas para permitir o paso de coches”

O BNG esixe ao Concello que actúe para non deixar incomunicada a veciñanza de Teis polo peche das pasarelas sobre a AP9