O BNG propón unha nova xestión do lixo en Vigo que rompa co modelo “insustentábel e ruinoso” de Sogama
O candidato á alcaldía, Xabier P. Igrexas, demanda a posta en marcha dun Plan Director dos Resíduos Sólidos Urbanos, apostando na redución, reutilización e reciclaxe, e implementar a recollida separada da fracción orgánica e a súa compostaxe
O BNG mantivo hoxe un encontro con representantes de Greenpeace para trasladarlles propostas nesta materia. O candidato á alcaldía, Xabier P. Igrexas expuxo o que para el ten que ser o modelo de cidade sustentábel e de futuro para Vigo, na que incluíu a necesidade de redefinir o modelo de xestión dos resíduos.
“Entendemos que unha das maiores preocupacións para as viguesas e os vigueses e da que ninguén quere falar en campaña, é a maneira na que xestionamos o lixo que se xera na cidade”, denunciou Igrexas. Por iso a prioridade para o Bloque é poñer en marcha un Plan director dos resíduos sólidos urbanos que teñan como horizonte a substitución paulatina do modelo “ruinoso e insustentábel” de Sogama, mediante medidas que aposten na redución, reutilización e reciclaxe. “Nos dicimos que Vigo ten que ser pioneira na xestión sustentábel dos resíduos, superando dunha vez o modelo fracasado de Sogama”, resumiu.
Insistiu tamén Pérez Igrexas na necesidade de que se poñan xa en marcha medidas como a recollida separada da fracción orgánica, “que está prevista no actual prego de concesións pero que non se está desenvolvendo” que fomente un modelo de recollida máis diferenciada. A este respeito, o BNG defende que se poña en marcha un proxecto piloto no barrio de Coia incorporando un novo contedor para os resíduos orgánicos, e tamén articular sistemas de recollida diferenciada deste tipo de lixo en estabelecementos de hostelaría e alimentación. Estas medidas teñen que poñerse para o candidato á alcaldía, non só en barrios e parroquias periurbanas da contorna rural senón tamén en zonas urbanas mediante a distribución e posta en marcha de composteiros nas comunidades con zonas axardinadas, “como unha alternativa moito máis sustentábel e respectuosa co medio ambiente”, engadiu.
“Queremos unha cidade verde e por iso entendemos que o primeiro que temos que abordar, e do que o Concello ten que deixar de fuxir e enfrontar a cuestión de como xestionamos o noso lixo. Temos que deixar de destinar millóns e millóns de euros a ese modelo ruinoso como é Sogama, despregando unha nova política de xestión de residuos en favor do medio ambiente pero tamén para colocar a Vigo como unha cidade punteira dende unha óptica máis ambiental, ecoloxista e comprometida co medio ambiente”, enfatizou.