DEMANDAMOS MEDIDAS E INVESTIMENTOS PARA COMPLETAR A REXENERACIÓN DA RÍA DE VIGO

Reclamamos ao Porto de Vigo que actúe contra os vertidos en lugar de descualificar a quen os denuncia

“O que debe preocupar e ocupar a López Veiga é que 9 de cada 10 vertidos de augas sen depurar se producen desde terreos da Autoridade Portuaria”, retrucou o candidato do Bloque á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Reclamamos ao Porto de Vigo que actúe contra os vertidos en lugar de descualificar a quen os denuncia

As declaracións do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, descualificando a eurodeputada Ana Miranda e a Plataforma en Defensa da Ría de Vigo após lograren esta semana que o Parlamento Europeo manteña aberto o expediente de denuncia do estado da nosa ría, foron contestadas polo candidato do BNG á alcaldía de Vigo. Xabier P. Igrexas cualificou de “insultantes e irresponsábeis” as palabras de López Veiga nas que apuntaba que a denuncia en Bruxelas prexudicaba o marisqueo na ría.

“O que prexudica a explotación sustentábel das enormes riquezas da ría é precisamente a inacción diante dos vertidos contaminantes”, reprochou. “O que debe preocupar e ocupar a López Veiga é o feito de que 9 de cada 10 vertidos de augas sen depurar, e polo tanto contaminadas ou potencialmente contaminadas, na faixa costeira da cidade de Vigo se producen desde terreos da propia Autoridade Portuaria en Bouzas, no Berbés e no Areal, tal e como denuncia a propia Plataforma en Defensa da Ría de Vigo”, afirmou o candidato. Neste sentido, Igrexas urxiu a Autoridade Portuaria a actuar de inmediato para evitar que se verte “nin un só litro máis de auga sen depurar”.

Saneamento

O candidato nacionalista lamentou tamén a reacción “infantil” do alcalde de Vigo que, “en lugar de liderar unha resposta institucional para demandar a rexeneración total e definitiva da Ría de Vigo decidiu cargar contra o traballo rigoroso e comprometido de Ana Miranda e dos colectivos ecoloxistas”. Igrexas lamentou que a única reacción municipal fose anunciar unha hipotética nova bandeira azul para a praia de Samil. “O que nos gostaría é que o alcalde puidese dicir que a depuradora millonaria non vai volver aliviar nunca máis miles de litros de auga sen depurar por non ser capaz de asumir a suba do caudal de auga pola choiva, tal e como está a suceder con demasiada frecuencia”, reprochoulle. A este respeito demandou que o Concello de Vigo se tome a serio a mellora da rede de saneamento. “Hai que avanzar na separación de augas pluviais na cidade, tal e como fixan as directivas europeas, e mellorar o funcionamento dos tanques de tormenta”, acrecentou, lembrando que o Bloque demandou que os orzamentos da Xunta e do Estado financien esas actuacións.

Reclamamos ao Porto de Vigo que actúe contra os vertidos en lugar de descualificar a quen os denuncia