O BNG demanda un “plan de choque” para estimular a actividade produtiva e o emprego en Vigo

20190131_FOTO_RoldaEPA+Vulcano
O candidato da fronte nacionalista esta mañá en rolda de prensa na sede

A última EPA recolle que hoxe hai 9400 postos de traballo menos na cidade que en 2009.

“As luces de nadal non crearon nin un só posto de traballo”, denuncia o candidato do Bloque á alcaldía, Xabier P. Igrexas, sinalando que no último trimestre se destruíron 3400 empregos no sector servizos.

O BNG demanda un “plan de choque” para estimular a actividade produtiva e o emprego en Vigo

O BNG vén de valorar en rolda de prensa os datos da última Enquisa de Poboación Activa (EPA) do IV trimestre do 2018 referidos á cidade de Vigo e que reflexan unha “situación preocupante na que hai 9400 postos de traballo menos que no 2009 que se agravan ademais pola crecente precariedade laboral”, segundo denunciou o candidato nacionalista á alcaldía, Xabier P. Igrexas. Ademais do desemprego que ameaza con “cronificarse”, Igrexas puxo de relevo a crecente precariedade laboral. “O 26% dos empregos existentes son temporais, e un de cada tres percibe salarios iguais ou menores ao mínimo o que significa que ter un emprego xa non é garantía de saír da pobreza”, acrecentou.

No sector industrial as cifras recollen 3.700 empregos menos que hai dez anos. “A falta de traballo continúa a ter o sector naval a medio gas e hai unha tendencia tamén na automoción onde se continúa a destruír emprego e cun importante número de expedientes de regulación de emprego, cun aumento da precariedade laboral”, alertou Igrexas. “O futuro de Vigo ten que ser industrial, temos todas as potencialidades para volver ser o pulmón o motor industrial e produtivo de Galiza pero iso esixe que haxa unha mudanza nas políticas”, defendeu o candidato nacionalista.

No sector servizos a situación non é moito mellor. 2018 fechaba con 3.400 postos de traballo menos que o trimestre anterior, o que confirma que a tan anunciada inversión en luces de nadal non se traduciu en termos laborais. “As luces de nadal non crearon nin un só posto de traballo. En lugar do cacarexado retorno económico que se prometía, os datos da EPA que falan da destrución de 3400 empregos no sector servizos”, remacha Pérez Igrexas.

A fronte nacionalista olla con moita preocupación a tendencia a cronificar o actual nivel de desemprego pois a cidade conta con máis de 24.000 persoas sen traballo, segundo as últimas cifras do paro rexistro, e o que é máis preocupante e mantense a dinámica de “desertización produtiva” que padece a cidade: “É urxente que haxa unha viraxe radical nas políticas económicas, industriais produtivas e laborais tanto da Xunta como do Estado para reverter esta situación”, reitera o candidato.

O Bloque urxe un plan de choque

Desde o BNG proponse un plan de choque en favor da actividade produtiva e de emprego que conta con catro puntos fundamentais. O primeiro, unha modificación orzamentaria para que o Concello de Vigo duplique a partida destinada ao Plan municipal de emprego, até dotalo de 2 millóns 300 mil euros. Neste sentido, Igrexas lembrou que o gasto en luces e adornos do pasado nadal foi dun 25% máis do que se destinou ao plan de emprego durante todo 2018.

En segundo lugar, demanda un compromiso real por parte doutras administracións para a implantación dun Plan de reindustrialización da comarca, co-financiado pola Xunta e o Goberno do Estado, que piden estea dotado con 15 millóns de euros, dos que 3,5 millóns deberían ser achegados polo Goberno galego e os restantes 11,5 millóns de euros polo Goberno español.

Reclaman ademais que Galiza conte con instrumentos públicos que permitan estimular a actividade e que apoien económica e financeiramente o tecido produtivo para “desenvolver todas as nosas potencialidades”. Para iso a fronte nacionalista volve reiterar a proposta de creación dun Instituto Galego de Crédito e Financiamento e mais dunha Corporación Industrial Pública Galega, como xa formularan nunha proposición de Lei no Parlamento de Galiza na altura do ano 2014. “Tras a privatización e expatriación das caixas de aforro, perdemos unha ferramenta que ten sido fundamental para apoiar o tecido produtivo, por iso apostamos porque Galiza teña o seu propio 'ICO' e a súa propia 'SEPI', para dispor de instrumentos que permitan unha maior iniciativa pública”, explicou Igrexas.

Por último, o Bloque insiste en facer de Vigo a “capital galega da innovación, a tecnoloxía e as comunicacións”, demandando a creación dun Centro Metropolitano para o Impulso Tecnolóxico.

Vulcano

O BNG ven de reiterar unha vez máis o seu apoio aos traballores e as traballadoras de Vulcano despois de falar con Nicolás Sangabriel sobre a última hora que atravesa o astaleiro. Xabier P.Igrexas esixe que a Xunta tome cartas no asunto e que deixe de mirar para outro lado:

“Vemos como esa situación límite onde está enriba da mesa mesmo o peche deste astaleiro centenario, a situación de Vulcano está lonxe de resolverse”, denuncia. O principal problema co que conta o astaleiro é  que non se trata só de poñer a traballar ao plantel ao completo senón de reincorporar ás empresas auxiliares e mais de pagar o atraso nos salarios: “Non pode ser que os traballadores e as traballadoras leven cinco meses sen cobrar, se teñen que desbloquear tamén os pagos a proveedores para asegurar nun prazo razoable a entrega do ferri”. Pero sen dúbida o máis importante neste conflicto é asegurar o futuro de Vulcano e do conxunto do naval para que non se volvan repetir situacións deste tipo e o goberno galego, di o candidato da fronte nacionalista, “ten que adoitar unha verdadeira política industrial e medidas concretas para asegurar a continuidade da actividade produtiva na nosa ría”.

O BNG demanda un “plan de choque” para estimular a actividade produtiva e o emprego en Vigo