O BNG volve chamar a Xunta e Concello a cooperar para integrar Vigo no Transporte Metropolitano
A fronte nacionalista iniciou unha campaña informativa denunciando que os intereses partidistas de PP e PSOE están a dinamitar a posta en marcha dun servizo “imprescindíbel”.
O BNG volveu reiterar o seu chamamento para que Concello de Vigo e Xunta de Galiza abandonen a “lea partidista” e aposten na cooperación e o diálogo que permita a incorporación da cidade olívica no Transporte Metropolitano. A fronte nacionalista iniciou esta mañá unha campaña informativa para denunciar o bloqueo desta cuestión, cun reparto nas inmediacións da Estación Marítima de Vigo no que participaron o deputado Luís Bará, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e mais o responsábel comarcal do BNG de Vigo, Manuel Caride, xunto a outros representantes institucionais e responsábeis orgánicos do Bloque na comarca.
Bará denunciou que o bloqueo do transporte metropolitano está a provocar graves prexuízos para a veciñanza da cidade de Vigo e de toda a súa contorna. “Todo isto débese a unha deriva de confrontación e conflito por causa de intereses partidistas que tanto Concello e Xunta están a poñer por acima dos intereses da veciñanza”, apuntou. Desta maneira, o deputado nacionalista personalizou a responsabilidade política en Caballero e Feijóo a quen acusou de ter sido xa “os dinamitadores e enterradores do proxecto de Área Metropolitana”.
O Bloque demanda que se procure unha solución dialogada e negociada para resolver como se pode integrar o transporte urbano de Vigo, partindo do principio de acordo que xa existe sobre o transporte interurbano. A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, salientou a importancia que para a propia cidade de Vigo ten esta cuestión, polos fluxos de mobilidade cara á urbe, e cualificou de “moi negativo” que o Concello de Vigo confronten co resto de municipios da comarca.
O responsábel comarcal do BNG de Vigo, Manuel Caride, defendeu que “Vigo como concello nucleador da área, concentra centros de traballo, prestación de servizos e xera gran cantidade de movementos, dentro e fóra do seu territorio, ten que promover unha proposta integradora das necesidades para toda a área”.
Neste sentido, a proposta das nacionalistas, que volverá a ser obxecto de debate no Parlamento de Galiza, demanda que “a Xunta de Galiza e o goberno municipal de Vigo, como corresponsábeis deste bloqueo, executen o convenio asinado, a través dun acordo co Concello de Vigo a respecto do financiamento, garantindo as mesmas tarifas para todas as persoas usuarias, con independencia do seu lugar de procedencia”.