O BNG garante facer da loita contra a violencia machista e da axenda feminista prioridades dun Goberno de Ana Pontón

Encontro Mulleres do BNG en Vigo coas candidatas Elsa Quintas, Alexandra Fernández e Carmela e a concelleira Ana Martínez (esq a der)
Encontro Mulleres do BNG en Vigo coas candidatas Elsa Quintas, Alexandra Fernández e Carmela e a concelleira Ana Martínez (esq a der)

A fronte nacionalista traslada nun encontro de mulleres en Vigo o seu compromiso de “construír unha Galiza feminista” coa primeira muller presidenta da Xunta de Galiza

Alexandra Fernández:  “Coa forza das mulleres abriremos un tempo novo en Galiza liderado, por vez primeira, por unha Presidenta facendo da axenda feminista unha verdadeira prioridade política”

O BNG garante facer da loita contra a violencia machista e da axenda feminista prioridades dun Goberno de Ana Pontón

O Bloque Nacionalista Galego garante facer da loita contra a violencia e do impulso da axenda feminista cuestións prioritarias dun Goberno de Ana Pontón. Así o trasladaron este martes as candidatas do BNG Alexandra Fernández, Carmela González e Elsa Quintas durante un encontro con colectivos feministas en Vigo no que reafirmaron o compromiso nacionalista de “construír unha Galiza feminista” coa primeira muller presidenta da historia na Xunta de Galiza.

“Coa forza das mulleres abriremos un tempo novo en Galiza liderado, por vez primeira, por unha Presidenta facendo da axenda feminista unha verdadeira prioridade política”, proclamou Fernández. “Converteremos o clamor dos masivos 8M en avances concretos e reais”, acrecentou.

Recollendo o mandato das masivas manifestacións feministas dos últimos anos de ‘Máis recursos e menos discursos’, as nacionalistas anunciaron que un Goberno do Bloque destinará o 1% do orzamento galego para intensificar todas as políticas orientadas a poñer fin a todas as formas de violencia machista e para avanzar con maior determinación na conquista de dereitos.

No concreto, Fernández avanzou que se reforzarán os recursos contra a violencia sexual con centros de atención 24 horas, protocolos contra as agresións sexuais e garantindo unha adecuada atención xurídica das vítimas. Do mesmo xeito, comprometeu a reforma dos Centros de Información ás Mulleres (CIM) e a ampliación dos Puntos de Encontro Familiar, con especial atención á intervención social e á prevención de posíbeis situacións de violencia.

A candidata número 3 pola provincia anunciou ademais a creación do Estatuto de vítima do Feminicidio acompañado dun plan de mellora da atención no ámbito xudicial, adaptando as instalacións para garantir a intimidade e a seguridade así como unha revisión dos procedementos. No relativo aos recursos habitacionais para mulleres en situación de violencia machista, garantiu máis recursos tanto para a acollida urxente como en axudas para facilitar o alugueiro, ampliando o número de prazas da Rede Galega de Acollemento.

As mulleres como suxeitos de dereito

Pola súa banda, Carmela González defendeu a necesidade de avanzar na conquista de dereitos e garantir que as mulleres teñan plena capacidade para decidir sobre os seus corpos e combater, ao tempo, a súa “cousificación”. Aliás, trasladou o compromiso do BNG de intensificar a loita contra a trata e actuacións decididas para avanzar cara á abolición da prostitución. Tamén se porán en marcha iniciativas en contra dos ventres de alugueiro, con medidas de sensibilización así como de carácter normativo. Sobre os centros de orientación familiar, a candidata número 5 pola provincia propuxo estender a rede pública dotándoa dos recursos humanos, materiais e económicos suficientes. 

No eido laboral, González comprometeu un traballo decidido para acabar coa fenda salarial e as formas de discriminación contra as mulleres, como o teito de cristal e o chan pegañento. Así, un Goberno do BNG aplicará e ampliará o marco laboral vixente no relativo aos plans de igualdade e conciliación, ademais de rescindir os contratos públicos da Xunta con aquelas empresas que non cumpran coa igualdade salarial entre homes e mulleres.

Axenda feminista transversal

De por parte, a candidata Elsa Quintas puxo en valor o compromiso histórico do nacionalismo galego cos avances do feminismo, como o impulso da primeira lei galega contra a violencia machista ou o recoñecemento da violencia vicaria. Un compromiso que, asegurou, vaise ver reforzado coa presidencia dunha muller feminista e nacionalista como Ana Pontón.

Entre as propostas nacionalistas, a candidata número 19 pola provincia destacou a creación dunha Valedoría de Igualdade como órgano de defensa cidadá perante situacións de discriminación; a creación do Instituto Galego das Mulleres que promova e fortaleza as políticas de igualdade en todos os ámbitos da vida social, económica, cultural e política de Galiza; e o compromiso de despregar medidas transversais en todos os ámbitos da actuación do Goberno galego.

O BNG garante facer da loita contra a violencia machista e da axenda feminista prioridades dun Goberno de Ana Pontón