O BNG esixirá en Madrid a Saída Sur para o 2030 e chama a unha “posición de cidade” en Vigo para evitar o seu adiamento

Néstor Rego e Xabier P Igrexas (foto de arquivo)
Néstor Rego e Xabier P. Igrexas (foto de arquivo)

A fronte nacionalista vén de rexistrar iniciativas no Congreso e tamén no Senado, que se engaden á demanda que trasladou a través da súa eurodeputada, Ana Miranda, á Comisión Europea, para garantir que a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto sexa realidade no horizonte do 2030 e non dez anos máis tarde

Néstor Rego: “A Saída Sur é estratéxica e fundamental e seguiremos a traballar para que no ano 2030 sexa posíbel viaxar desde Ferrol até Lisboa en alta velocidade”

Xabier P. Igrexas: “Desde o BNG cremos que é necesaria unha resposta firme en chave de cidade para expresar de maneira rotunda que Vigo non imos esperar máis, que queremos tren de alta velocidade con Porto no ano 2030”

O BNG esixirá en Madrid a Saída Sur para o 2030 e chama a unha “posición de cidade” en Vigo para evitar o seu adiamento
Diante da exclusión da conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto da rede básica transeuropea de transporte, postergando até o ano 2040 a súa entrada en funcionamento, o Bloque Nacionalista Galego continúa a desenvolver unha enérxica ofensiva para garantir que se poña en funcionamento no horizonte do ano 2030. 

Con ese obxectivo a fronte nacionalista vén de rexistrar iniciativas tanto no Congreso como no Senado, que se engaden á demanda que trasladou a través da súa eurodeputada, Ana Miranda, á Comisión Europea.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, defende que a conexión de alta velocidade entre Vigo é Porto “é estratéxica e fundamental para a vertebración do noso país e para o desenvolvemento da área de Vigo”.

Rego insistiu na necesidade de avanzar para completar a conexión entre Vigo e Tui ao tempo que demandou que o goberno portugués faga o mesmo na liña entre Lisboa e Valença, na que xa hai algún tramo adxudicado, co obxectivo de que “no ano 2030 sexa posíbel viaxar desde Ferrol até Lisboa en alta velocidade”. Aliás, volveu demandar que esta conexión sexa compatíbel tanto para o transporte de viaxeiros e viaxeiras como de mercadorías, subliñando que “Portugal é o noso principal parceiro comercial”. 

O deputado nacionalista expresou o firme compromiso do BNG de “seguir a traballar para que o horizonte do 2030 se manteña fronte as incertezas que ten xerado a decisión da Comisión Europea de postergalo até o 2040”. Nese sentido seguirán a reclamar “que se aposte polo eixo Atlántico en lugar de priorizar a conexión entre Lisboa e Madrid”.

Chamada a unha “posición de cidade”

De por parte, o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas reclamou unha “posición de cidade” para “impedir unha nova discriminación nunha conexión que é vital para que Vigo nos configuremos nun grande polo de desenvolvemento da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal”.

“Desde o BNG cremos que é necesaria unha resposta firme en chave de cidade para expresar de maneira rotunda que Vigo non imos esperar máis, que queremos tren de alta velocidade con Porto no ano 2030, tal e como se comprometeu o Goberno español no acordo de investidura subscrito entre PSOE e BNG”, defendeu.

Con ese obxectivo as nacionalistas promoveron o pasado mércores unha proposta de declaración institucional para o Pleno do vindeiro luns que incomprensibelmente foi vetada polo PSOE.  E como reacción a esta decisión o Partido Popular pretende agora, segundo Igrexas, “aproveitar un asunto de tanta relevancia como a Saída Sur para alimentar o permanente pimpampum partidista”, aludindo ao rexistro por parte dos populares dunha moción de urxencia “co único obxectivo de golpear o Goberno de Pedro Sánchez en Madrid”.

Críticas ao cinismo do PP

“É dun cinismo insoportábel que o mesmo PP cuxos gobernos no Estado fixeron hibernar a Saída Sur agora pretenda enarborar a bandeira da defensa da cidade” reprochou Igrexas. “Temos que dicirlle ao Partido Popular que a defensa de Vigo non pode estar condicionada a que partido goberna nunha ou noutra institución e que a cidade non vai tragar coa impostura e a sobreactuación dun PP de Vigo descabezado e que só abre a boca para criticar ao Goberno español mentres fai de cómplice das políticas de abandono que aplica a Xunta do PP en contra da nosa cidade desde 2009”, acrecentou. 

O portavoz municipal nacionalista puxo en valor “con humildade pero sen complexos”  coherencia do propio BNG “defendendo os intereses de Vigo coas mesmas posicións goberne quen goberne, aquí, en Santiago, en Madrid ou en Bruxelas” fronte a “defensa da cidade de quita e pon ao servizo do que lle ditan as súas dirección” que practican o PP e o PSOE  de Vigo.

No entanto, Igrexas reivindicou que “por riba do tacticismo e do xogo en curto que practican uns e outros, o BNG imos seguir insistindo en que a defensa da Saída Sur ten que ser unha posición de cidade”. Nese sentido, o Bloque vén de formular unha emenda á moción do Partido Popular co obxectivo de lograr un acordo unánime do Pleno, cun único acordo que “pode e debe ser asumido por todas as forzas políticas que temos representación municipal”.

En concreto as nacionalistas propoñen que o Pleno acorde “instar ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel do Goberno de España a solicitar a revisión da decisión da Comisión Europea de excluír a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto da rede básica transeuropea de transportes de viaxeiros e a despregar todas as accións e iniciativas que foren precisas, incluíndo os aprovisionamentos orzamentarios e a intensificación da cooperación co goberno portugués, co obxectivo de garantir a finalización desta conexión estratéxica no horizonte do ano 2030”.

O BNG esixirá en Madrid a Saída Sur para o 2030 e chama a unha “posición de cidade” en Vigo para evitar o seu adiamento