O BNG de Vigo urxe unha "emenda á totalidade" á nefasta política laboral do Concello

Xabier P. Igrexas e Filipe Abalde (esq) reunidos co Comité de Persoal do Concello Vigo
Xabier P. Igrexas e Filipe Abalde (esq) reunidos co Comité de Persoal do Concello Vigo

A fronte nacionalista mantivo un encontro co Comité de Persoal para poñer en común a situación laboral do Concello

Critican a inexecución das Ofertas Públicas de Emprego, a crecente privatización dos servizos municipais e o colapso no departamento de Recursos Humanos

Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero é o campión das privatizacións, o seu Goberno en lugar de gobernar limítase a xestionar licitacións que poñen no peto de empresas privadas 2 de cada 3 euros do orzamento municipal”

O BNG de Vigo urxe unha "emenda á totalidade" á nefasta política laboral do Concello

O Bloque Nacionalista Galego urxe unha “emenda á totalidade” á nefasta política laboral do Concello de Vigo. Así llo trasladou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, ao Comité de Persoal nunha xuntanza realizada este martes, xunto co tamén concelleiro nacionalista Filipe Abalde, na que denunciaron “a política de privatización que patrocina Abel Caballero e que supón o desmantelamento do propio Concello”.

Neste sentido, Igrexas criticou a inexecución das Ofertas Públicas de Emprego, pendentes de se efectivizar desde o ano 2017 e que teñen preto de 300 prazas de persoal municipal sen adxudicar. Feito que se traduce no “colapso de moitos servizos municipais por falla de persoal” e que provoca que o Concello non poida prestar unha adecuada atención das necesidades das viguesas e dos vigueses, como exemplifican as “situacións límite” que atravesan os servizos sociais, a oficina do padrón, a área de deportes ou os servizos de bombeiros e policía local.

“É indefendíbel que mentres hai prazas municipais por adxudicar a política laboral do Concello sexa a de promover a realización de horas extra como sucedeu recentemente coa tramitación das becas de libros”, afirmou ao remate do encontro.

Caballero, campión das privatizacións

Igrexas trasladoulle á representación sindical a “frontal e radical oposición” á crecente privatización do Concello, que agora se quere alargar entregando a empresas privadas a xestión de servizos como o persoal de portería e vixilancia dos colexios públicos. Medida que conta coa oposición do conxunto da comunidade educativa e que compromete un servizo esencial no funcionamento dos centros educativos. “Abel Caballero é o campión das privatizacións, o seu Goberno en lugar de gobernar límitase a xestionar licitacións que poñen no peto de empresas privadas 2 de cada 3 euros do orzamento municipal”, subliñou.

Fronte a esta situación, o portavoz municipal nacionalista trasladoulle ao Comité de Persoal a aposta do BNG porque o Concello de Vigo se dote dunha Empresa municipal de servizos e constitúa unha Axencia local de vivenda protexida e social. Medidas que se engaden ao reclamo dos nacionalistas de promover a remunicipalización dos servizos de bus urbano e de abastecemento e saneamento de auga, que vencerán as súas prórrogas concesionais no vindeiro ano 2025.

Aliás, na xuntanza tamén se puxo en común a situación crítica do propio departamento de Recursos Humanos que provocou que desde o Comité se teña pedido o cesamento da súa xefatura. Tamén foi compartida a preocupación polos incumprimentos do Concello do seu propio Plan de Igualdade, recentemente aprobado.

O BNG de Vigo urxe unha "emenda á totalidade" á nefasta política laboral do Concello