Vigo, unha anomalía cultural
O día 24 de outubro é o Día Internacional das Bibliotecas. Queremos analizar a situación da cidade de Vigo en relación coas súas bibliotecas públicas.
As bibliotecas públicas son aquelas abertas a toda unha comunidade (cidade, vila, parroquia, barrio...) cun ánimo xeral de proporcionar acceso á información e á lectura a toda a súa poboación, sen limitación de ningún tipo. Poden ser de titularidade pública ou privada, pero sempre teñen que estar abertas a toda a poboación sen discriminación. Diferéncianse, logo, doutro tipo de bibliotecas especializadas ou para un público cunhas necesidades moi concretas (como ocorre coas bibliotecas universitarias ou a biblioteca da Fundación Penzol).
Segundo se establece no primeiro Mapa de bibliotecas de Galiza, as bibliotecas públicas galegas constitúense en produtoras, subministradoras e democratizadoras da información, son espazos de formación e desenvolvemento persoal, e son punto de encontro e espazo cultural de proximidade.
O Ministerio de Cultura en 2005 publicou un documento titulado Sistemas urbanos de bibliotecas, que establecía que a situación óptima é que, nun sistema, cada biblioteca atenda como media 15 mil habitantes, e como máximo 30 mil habitantes, e que calquera persoa poida chegar en menos de 20 minutos a un punto de servizo, sexa cal sexa o medio de transporte que empregue.
Vexamos se isto se cumpre na cidade de Vigo.
Vigo conta cunha biblioteca pública xestionada pola Xunta de Galiza, a Biblioteca Juan Compañel, que exerce de biblioteca central territorial do que debería ser un sistema de bibliotecas. Desde o ano 2011 contamos tamén cunha biblioteca pública municipal, a Biblioteca Neira Vilas, que naceu coa finalidade de ser biblioteca de proximidade para dar servizo ás persoas do barrio do Calvario, coa idea de ir construíndo a continuación bibliotecas noutros barrios.
O BNG á fronte da Concellería de Cultura proxectara naquel momento bibliotecas en Bouzas, Navia e Teis, que serían o punto de partida para levar bibliotecas a todos os barrios e parroquias de Vigo. Pero ese proxecto quedou nalgunha gabeta do actual goberno municipal de Abel Caballero, e hoxe non existe ningunha outra biblioteca máis de xestión municipal que a do Calvario.
Isto que á cidadanía de Vigo lle pode parecer normal, non o é se nos comparamos con outros concellos da nosa contorna. Vigo é a única cidade de máis de 200 mil habitantes do estado español que ten só unha biblioteca municipal. O resto teñen entre 3 (Santa Cruz de Tenerife) e 40 (Barcelona). Pero se nos limitamos ás cidades cunha poboación similar á de Vigo, todas teñen como mínimo 5 bibliotecas municipais, e Valladolid chega a 19 bibliotecas municipais.
No gráfico que acompaña este texto, podemos observar con claridade como a situación de Vigo é unha anomalía. Se en Vigo temos unha única biblioteca municipal para unha poboación de case 300 mil persoas, Valladolid ten unha biblioteca por cada 15 mil. E mesmo A Coruña conta con 8 bibliotecas municipais, unha por cada 30 mil habitantes. Por non falarmos de concellos tan próximos ao noso como Cangas que, cunha poboación de 27 mil habitantes, ten unha biblioteca municipal por cada 5 mil.
Iso si, as dúas bibliotecas públicas de titularidade pública de Vigo fan un estupendo traballo para achegar a lectura, a información e a cultura á poboación. Parabéns desde aquí a todo o persoal destas bibliotecas.
A cidadanía de Vigo debe saber que a situación que vive esta cidade non é o normal. É unha anomalía cultural que se suma a moitas outras das que poderemos falar noutra ocasión.
Na cidade das luces, as sombras son moi alongadas.