Aymerich: "O modelo xudicial que impulsa o PP, que inclúe as novas taxas, non é xustiza"
Carlos Aymerich, cabeza de lista BNG por Pontevedra, e Carme Adán, número 2 da candidatura, defenderon este mércores a aposta do BNG polos servizos públicos, inclúidos os xudiciais. Neste sentido Aymerich subliñou o rexeitamento do BNG ás novas taxas xudicias e advertiu que o modelo que impulsa o PP non é xustiza xa que fará que as persoas afectadas busquen solucións extraxudiciais ao non poder aboar as taxas.
O BNG está totalmente en contra das novas taxas xudiciais. Estes servizos teñen que ser sufragados vía impostos, salientou Aymerich nun encontro mantido en Vigo con traballadores e traballadoras xudiciais e no que o candidato e candidata nacionalista explicaron as propostas de goberno do Bloque.
Carlos Aymerich destacou o compromiso do BNG cos servizos públicos e sinalou que a ofensiva do Partido Popular contra cos traballadores públicos vai na liña do PP pola privatización dos servizos públicos como sanidade e educación, pero tamén da xustiza a través das taxas xudiciais disuasorias que pretenden implantar.
Poder adquisitivo
Dixémoslle tamén que a partir do día 21 contan co Bloque Nacionalista Galego para reestablecer o poder adquisitivo perdido, para dignificar as súas condicións de traballo, explicou o líder nacionalista. Nesta liña sinalou que a aposta polos servizos públicos é tamén para o BNG unha vía de creación de postos de traballo.
O candidato considerou que para o BNG non só pensamos que sobran servidores públicos, senón que faltan no ámbito da dependencia, no ensino, na sanidade e nos servizos sociais para dar desposta ás necesidades da cidadanía nestes ámbitos prioritarios para o Bloque. O BNG reclama as competencias en materia xudicial mentres o PP afasta os servizos da cidadanía, asegurou.
Comentou asemade a preocupación dos traballadores públicos polo ruxe ruxe do rescate inminente, xa que tanto se é un rescate virtual como real traerá condicións. Indicou que eles son perfectamente conscientes de que as condicións que vai pactar o PP ou que vai impoñer Bruxelas co beneplácito de Feijóo e Rajoy serán novos recortes no ámbito das retribucións, dos servizos públicos e das pensións.
Desembarco do PP
Segundo indicou Aymerich, outro dos aspectos comentados na xuntanza foi o desembarco de ministros, exministros e altos cargos do Partido Popular, en referencia a visita onte de Ana Pastor e Gallardón e hoxe de Esperanza Aguirre. Non sabemos se vai presentar as súas propostas para o pequeno comercio en forma de liberalización de horarios ou de creación de complexos como Eurovegas, comentou ao respecto.
Si coincidimos en que se tanto desembarco hai é porque non deben ter moi claras as cousas e en Pontevedra se debe estar xogando o goberno de Galiza, engadiu.
Carme Adán
A número 2 do BNG por Pontevedra criticou os incumprimentos de Feijóo en Vigo en materia xudicial. Non entendemos como é posible que neste momento Vigo non conte xa coa cidade da xustiza, comentou. Ademais expresou o compromiso do BNG para acadar un acordo entre o Concello de Vigo e a próxima Xunta de Galiza para que se constrúa o edificio. Temos os terreos, temos o proxecto, e o noso compromiso é que a cidade da xustiza se faga dunha vez, asegurou.