O Bloque califica de despropósito o gasto en publicidade de 300.000 euros do plan contra a crise
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, reclamou a execución íntegra do plan de compensación contra a crise, que ascende a 3,2 millóns, e incluído nos orzamentos municipais a proposta do Bloque. En resposta aos medios sobre as declaracións do alcalde nas que estimaba que dedicaría 300.000 euros a publicidade, Iolanda Veloso asegurou que desde o BNG nos parece un despropósito.
Deixamos claro que queriamos que o plan de compensación contra a crise tivera unha partida de 3,2 millóns, pero que se convoque a estas alturas xa fai que o obxectivo quede desvirtuado, criticou a nacionalista. Hai moita xente que necesita os cartos para comer, pero os folletos publicitarios non se comen, apuntou.
Segundo destacou a portavoz do Bloque, o alcalde debería saber que nos servizos sociais do Concello son moitas as persoas que preguntan polo plan, precisamente porque levan agardando desde hai seis meses pola convocatoria das axudas.
Por outro lado, e sobre a intención de destinar os 200.000 euros restantes para comedores, Iolanda Veloso lembrou que estamos a tres días de rematar o curso e que os cartos do plan son para que os nenos e nenas de familias sen recursos poidan comer nas súas casas.