O Bloque reclamará no vindeiro pleno que o goberno local repoña a vexetación da rotonda de Coia

O Bloque reclamará no vindeiro pleno que o goberno local repoña a vexetación da rotonda de Coia

Iolanda Veloso acusa ao alcalde de “antidemocrático” por non escoitar nin á veciñanza nin á oposición e denegar o permiso para presentar unha moción no salón de plenos

 

presentación moción rotonda CoiaVigo, 11 de decembro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, anunciou que o grupo nacionalista defenderá no vindeiro pleno que o goberno local recupere a ornamentación vexetal da rotonda situada na avenida Castelao. “Queremos que unha gran parte da cidadanía que se manifesta na rotonda teña voz no pleno de Vigo”, subliñou a voceira nacionalista.

Iolanda Veloso criticou o “talante antidemocrático” do alcalde vigués, en tanto que “despreza absolutamente” as decisións que se toman no pleno de Vigo e despreza as as decisións dos partidos políticos da oposición. Neste sentido, a portavoz do Bloque vigués criticou que o alcalde tome decisións contrarias as resolucións do pleno da corporación.

Ese talante antidemocrático do rexedor da cidade tamén se manifesta no feito en que o alcalde no escoita a quen se manifestan na rotonda, “persoas que reclaman que os cartos se destinen a quen sofre as maiores necesidades na nosa sociedade”, apuntou Iolanda Veloso.

Representantes da cidadanía

Na súa comparecencia para presentar a moción que o BNG levará á vindeira sesión, a voceira explicou que o regulamento do pleno impide que se volva debater esta cuestión, polo que xustificou que na proposta do acordo non se mencione o barco Alfageme. “Vémonos na obriga de adoptar esta especie de treta para levar ao pleno esta cuestión”, sinalou.

“Nós somos representantes da cidadanía no pleno do Concello de Vigo porque fomos escollidos democraticamente e no salón de plenos expresamos a nosa posición ao respecto e queremos volver facelo”, destacou Iolanda Veloso, quen defendeu o dereito do BNG a trasladar ao pleno demandas cidadás como a de Coia.

Por outro lado, Iolanda Veloso criticou a decisión do alcalde de impedir a utilización do salón de plenos para presentar esta moción. “Nós trasladamos ao pleno as demandas cidadás e temos o noso foro no pleno de Vigo, que hoxe non se nos deixou utilizar”, manifestou. Ademais, expresou o apoio do BNG ás mobilizacións veciñais que se levan a cabo en Coia e fixo un chamamento a participar na manifestación que terá lugar mañá ás 19 horas desde a praza de América.

 

O Bloque reclamará no vindeiro pleno que o goberno local repoña a vexetación da rotonda de Coia