O BNG cualifica de burla o acordo da UE sobre cotas pesqueiras e insta á Xunta a retiralo
A voceira de Pesca do G.P. do BNG, Montse Prado, anunciou que reclamará no Parlamento que o goberno da Xunta rexeite o acordo adoptado polo Consello de Ministros de Pesca da UE sobre os topes de captura da frota galega para 2013, pois é unha pésima noticia para o sector que terá consecuencias devastadoras.
Tras a concentración de protesta que tivo lugar na lonxa do Berbés, na que tamén participaron a deputada Carme Adán, a concelleira Iolanda Veloso e o concelleiro Xabier Alonso, Montse Prado lamentou que a conselleira Rosa Quintana non estea á altura E cualifique de grande éxito negociador unhas medidas que van traer novas consecuencias devastadoras para o sector.
Considerou que é unha burla para o sector que ante un acordo que non mellora ningunha das xa rídiculas cotas dalgunhas especies e recorta outras a conselleira Rosa Quintana fale de grande éxito negociador por parte do ministro Arias Cañete.
Non se pode aplaudir coas orellas e cualificar de éxito un acordo que consolida as medidas que xa se adoptaron en 2012 e 2011, medidas que dan por boas cotas absolutamente ridículas, períodos de inactividade da frota ou que se teña que tirar boa parte das capturas de volta ao mar, manifestou.
Sen previsións para a xarda
A deputada nacionalista considerou insultante o 25 por cento de cota para a rabada, o 12 por cento para a raia ou o 9 por cento para o ollomol e que aínda non se saiba nada das previsións de captura de lirio e xarda, pendentes de negociación con outros estados e que levan sen poder pescar dende primavera, con multas aínda pendentes.
A verificación destes recortes provocará en Galiza un impacto devastador engadiu- coa desaparición de buques e milleiros de postos de traballo directos no mar e inducidos en terra. As frotas galegas do Gran Sol, arrastre litoral, cerco e baixura ven ameazada a súa viabilidade por unha decisión política, non fundamentada en estudos científicos nin no estado real os recursos pesqueiros.
Neste sentido, Prado retou á conselleira e ao ministro a que ensinen eses informes que din que non se poden incrementar as capturas, están a mentirnos de novo, asegurou.
Protesta formal
Para a parlamentar, nin o goberno da Xunta nin o do Estado nin a UE teñen dereito a tratar así á frota galega porque existen resortes e instrumentos para evitar a súa morte paulatina, por iso pediu que alén de rexeitar o acordo, a Xunta presente unha protesta formal perante o goberno español polo seu voto favorábel ao acordo na UE.
Asemade, a través da proposición non de lei rexistrada, pide que non se aplique nas augas interiores de Galiza e, daquela, sobre a frota de baixura, a politica de cotas aprobada e que se presente recurso ante o Tribunal de Xustiza da UE polo trato inxusto e discriminatorio que se está a dar a Galiza.
Finalmente, a deputada do BNG considera que tamén hai que exixir que o goberno español derogue o denominado Plano de Recuperación da Pescada en augas galegas, por considerar plena e absolutamente recuperada a especie.