O Consello Social de Vigo debe reclamar que o Porto sexa nodal e que PP e PSOE muden a súa postura
De forma coherente co anuncio efectuado pola eurodeputada Ana Miranda sobre a ofensiva municipal e parlamentar do BNG para recabar apoios no obxectivo de que o Porto de Vigo incluído na Rede Transeuropea de Transportes, a deputada Carme Adán e o portavoz municipal Santi Domínguez presentaron as iniciativas que está desenvolvendo o Bloque no Parlamento galego e no Concello de Vigo.
No eido municipal, Santi Domínguez reclamou a celebración dun Consello Social no que unanimemente se exprese o apoio para que o Porto vigués sexa nodal e que inste ao PP e ao PSOE a que reconsideren a súa actitude. Para o nacionalista cómpre que PP e PSOE reconsideren a súa decisión sobre o Porto e deixen de buscar culpables nun deputado grego e outro alemán.
O PP prefire moción sobre a tuberculose
Por outro lado, o portavoz municipal nacionalista desmentiu que BNG participara nun veto a unha moción do PP sobre o Porto. Santi Domínguez explicou que os populares levaron ás comisións informativas que tiveron lugar onte dúas mocións urxentes (sobre o Porto e sobre un Programa de Prevención da Tuberculose) de xeito que se lles recordou que segundo o regulamento do pleno só poden levar á orde do día tres propostas.
Foi o propio PP quen preferiu deixar fóra da orde do día do pleno unha moción de apoio ao Porto vigués, salientou Santi Domínguez, quen acusou aos populares de sinvergoncería política ao mentir descaradamente sobre o acontecido nas comisións informativas.
Onde está Feijóo?
Carme Adán, por outro lado, na liña do portavoz municipal, lembrou que a culpa da exclusión do Porto de Vigo é dos eurodeputados do PP e PSOE que non apostaron pola infraestrutura viguesa. Que se deixen de buscar xustificacións, a culpa só é deles, indicou.
A deputada nacionalista salientou que, fronte á actitude do grupo popular, o BNG xa rexistrou diversas iniciativas no Parlamento galego para que Feijóo explique que actuacións ten previsto realizar na Xunta para evitar que se consolide a proposta pactada polos eurodeputados de PP e PSOE que deixa fóra ao Porto da rede básica transeuropea.
Adán criticou o silencio de Feijóo e considerou que xa que en camapña presume tanto de vigués e de galego que o demostre e exerza como tal. Subliñou que dende o BNG esiximos que Feijóo exerza de galego e de vigués defendendo o Porto de Vigo. Queremos saber que vai facer.
Segundo destacou a deputada nacionalista é fundamental que se aprobe a emenda para que o Porto de Vigo sexa incluído como infraestrutura fundamental e para iso Feijóo ten que exercer como presidente de Galiza.