O BNG propón que a rexeneración de Samil inclúa a recuperación das concesións e o traslado do paseo
Serafín Otero e Xabier Vence subliñaron que esta iniciativa é exemplo do urbanismo sustentable que defende o Bloque na cidade
Vigo, 19 de maio de 2015.- O candidato do BNG Asembleas Abertas á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, defendeu a recuperación do areal de Samil, no marco da firme aposta do Bloque pola rexeneración do litoral vigués. Temos que loitar polo medio ambiente, subliñou, e para iso considerou indispensable rescatar as concesións existentes e recuperar o sistema dunar.
Nun acto celebrado en Samil xunto ao portavoz nacional Xavier Vence e parte da candidatura viguesa, Otero destacou que cómpre levar a cabo esta rexeneración do areal tal e como recolle o planeamento urbanístico e asegurou que se trata dun proxecto vital para facer de Vigo unha cidade máis sostible.
Tendo en conta a característica especial que teñen Samil e a ría viguesa tanto para os propios vigueses como para os turistas, o candidato nacionalista criticou a renovación da concesión ao restaurante Jonathan por parte do actual goberno socialista en lugar de atender a un proxecto que xa estaba consensuado.
Segundo denunciou Serafín Otero, esta actuación do goberno socialista amosa que non ten ningún interese na rexeneración das dunas. Pola contra, asegurou que nós buscariamos a posibilidade de retornar a concesión para poder facer a ampliación da praia, salientou, ao tempo que avogou pola non concesión de outras novas.
Recuperación das dunas
Ademais do rescate das concesións, Serafín Otero apostou pola recuperación das dunas como exemplo dun ecosistema de valor indiscutible e a ampliación do areal. Tal e como contempla o PXOM tamén defendeu o traslado do paseo e dos servizos de restauración que se atopan en primeira liña de praia, para conciliar a oferta de servizos e espazos de disfrute veciñal coa recuperación ambiental.
Esta é a proposta que sempre defendeu o BNG e queremos que se faga efectiva, manifestoou. A proposta do BNG tamén inclúe o desenvolvemento de novos aparcamentos e viais alternativos á avenida de Samil, tal e como está previsto no planeamento urbanístico da zona.
Proxecto de cidade
Xavier Vence, pola súa banda, subliñou que cómpre apostar por un urbanismo sustentable que non destrúa a riqueza natural. Fronte a actuacións como un paseo marítimo agresivo sobre a praia, e necesario que se permita a recuperación natural do areal como un proxecto que xa plasmou o BNG no plan de ordenación urbanístico municipal, destacou.
Para que iso sexa posible, argumentou Vence, é moi importante que na corporación de Vigo teña representación determinante unha forza que ten un proxecto de cidade visto desde un proxecto global do país, no que Vigo ten que xogar un papel fundamental, explicou o portavoz nacional en relación á candidatura que encabeza Serafín Otero.
Vigo precisa a pegada do proxecto nacionalista que representa o BNG porque ten que liderar a economía produtiva de Galiza, e para liderar Galiza hai que ter un proxecto proactivo con visión nacional, con visión galega, explicou. Vence resaltou que o Bloque entende a cidade olívica como parte fundamental para construír unha Galiza de futuro, dinámica, que xere oportunidades e riqueza para a xente nova.