Iolanda Veloso defende o consenso para Peinador, a debate en pleno a instancia do BNG
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, lamentou que o alcalde rexeitara hoxe aprobar a proposta do BNG de sacar adiante unha declaración conxunta das tres formacións políticas con representación municipal en defensa do igual trato de Peinador aos outros dous aeroportos galegos. Porén, salientou que a instancias do BNG a corporación viguesa celebrará un pleno extraordinario para abordar o futuro da terminal viguesa.
No BNG sempre apostamos polo consenso e sempre imos pedir que se reclame igualdade de condicións para os tres aeroportos galegos, subliñou Iolanda Veloso, quen acusou ao PP de querer pechar o aeroporto vigués coas súas medidas na Xunta e no Ministerio de Fomento a través de Aena. Non nos podemos permitir deixar pechar Peinador, subliñou.
Para a portavoz municipal nacionalista, fronte a esta situación non podemos perdernos no debate victimista que non toca nin tanxencialmente os problemas reais de Peinador. Asegurou que pola contra fai falta consenso e nós estamos dispostos a chegar a el. Defendeu ademais que ese consenso é necesario non só para garantir o futuro de Peinador, senón tamén para garantir os postos de traballo.
O eixo da declaración conxunta proposta polo BNG e rexeitada posteriormente polo alcalde centrábase precisamente na búsqueda deste consenso. Con ou sen subvencións, Peinador ten que ser atendido en igualdade condicións ás dos outros aeroportos galegos, subliñou Iolanda Veloso, para quen admais hai que atender aos aeroportos en función das súas necesidades.
Moción aprobada
Precisamente a moción sobre Peinador defendida pola portavoz nacionalista foi aprobada cos votos do BNG e o PsdeG, mentres pola súa parte o PP non participou na votación. Deste xeito, adoptouse o acordo de instar á Xunta de Galiza a que de xeito inmediato elimine todas as subvencións ás compañías aéreas que lles está concedendo nas terminais de Lavacolla e Alvedro.
Tamén se acordou instar de forma urxente á Xunta a que presente un plan estratéxico de coordenación, especialización e conexión das tres terminais aeroportuarias galegas. Finalmente, a moción tamén reclama que se potencie o tráfico de mercadorías en Peinador, así como a súa apertura as 24 horas.