Serafín Otero: “É imprescindible potenciar o Porto como elemento dinamizador da economía viguesa”

Serafín Otero: “É imprescindible potenciar o Porto como elemento dinamizador da economía viguesa”

O candidato do BNG, que participou nun reparto informativo no mercado de Bouzas, defendeu que o seu crecemento debe pasar pola racionalización dos espazos e o desenvolvemento da Plisan, non polos recheos

 

visita feira BouzasVigo, 10 de maio de 2015.- O candidato do BNG – Asembleas Abertas, Serafín Otero, asegurou que é “imprescindible potenciar o papel do Porto de Vigo como dinamizador da economía da cidade”, tendo en conta que a ría é unhas das riquezas indiscutibles da cidade. “Temos que poñela en valor”, destacou nun reparto informativo no mercado de Bouzas, no que participou xunto ao resto da candidatura.

Serafín Otero salientou que para garantir a potenciación do Porto e o seu crecemento cómpre por unha banda racionalizar os usos portuarios e por outra apostar polo desenvolvemento da Plisan, pero sempre rexeitando a posibilidade de realizar máis recheos. A respecto dos usos portuarios criticou que neste momento parte do espazo está ocupado por “empresas e naves que non se dedican exclusivamente a temas do mar”, polo que defendeu que sexa usado por empresas que se dedican directamente á actividade marítima.

Crecemento sostible

“Defendemos que as empresas que non están relacionadas directamente co mar teñan un espazo reservado na Plisan”, manifestou. Neste sentido, o Bloque lembra que o "porto seco" foi concibido como unha zona de expansión “natural” do porto de Vigo, polo que é necesario o seu desenvolvemento para dar saída ao crecemento portuario de forma sostible.

visita feira Bouzas 2

Na liña de poñer en valor a riqueza da ría, outra das claras apostas do BNG radica en que non se fagan máis recheos, segundo subliñou o candidato nacionalista, para quen é importante a eliminación de calquera referencia na Delimitación de Espazos e Usos Portuarios a ningún novo aterramento, recheo ou ampliación.

De cara ao vindeiro mandato, o candidato nacionalista considerou fundamental a creación dunha mesa de seguimento do Porto, no que teñan cabida os axentes sociais, sindicais, ambientais e empresarias, así como as distintas administracións. “É importantísimo que non se siga dando o divorcio que hai agora entre a Autoridade Portuaria, do PP, e o Concello de Vigo”, asegurou, ao tempo que considerou que ese “divorcio” significa un atraso para a cidade.

Finalmente, Serafín Otero referiuse a outra medida para dinamizar economicamente o Porto da cidade, como é a reservar solo para o Centro de Reparacións Navais. “Trátase dun elemento fundamental para que o naval colla novamente impulso”, asegurou ao respecto.

 

Serafín Otero: “É imprescindible potenciar o Porto como elemento dinamizador da economía viguesa”