O BNG reclama que os pisos da Sareb en Vigo se incorporen a unha bolsa de vivenda social

desafiuzamentos

_O candidato do Bloque á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, demanda que o Concello de Vigo tome a iniciativa en colaboración coa Xunta para evitar que os 200 novos pisos que vai adquirir a entidade pública en Vigo se destinen á especulación.


_A formación nacionalista comprométese a que a súa representación no Congreso a partir do 28A exixirá a transferencia de todos os activos da Sareb en Galiza para destinalos a uso social no noso País.

O BNG reclama que os pisos da Sareb en Vigo se incorporen a unha bolsa de vivenda social

Diante da posíbel adquisición de case 200 novas vivendas na cidade de Vigo por parte da Sareb (entidade de xestión de activos inmobiliarios das entidades financeiras saneadas), o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, volveu reclamar que estas se incorporen a unha bolsa de vivenda social. 

"Resulta paradóxico e insultante que a Sareb poida adquirir 200 novos pisos en Vigo para especular, cando só no primeiro trimestre deste ano 192 familias viguesas perderon a súa vivenda nun desafiuzamento por impago hipotecario ou de alugueiro", alertou Igrexas. Neste sentido, o candidato nacionalista volveu demandar como xa fixera hai varios meses que o Concello de Vigo tome a iniciativa, pedindo a implicación tamén da Xunta, para que os pisos dos que é propietaria a Sareb na nosa cidade, e tamén as inmobiliarias de entidades bancarias rescatadas con fondos públicos, se destinen a uso social.

"Temos o prezo da vivenda e os alugueiros máis caros de toda Galiza e a pesar de que en Vigo hai 18500 pisos baleiros, na súa maioría propiedade de bancos, vemos como se suceden os desafiuzamentos e como moitas persoas son expulsadas da cidade por non poder pagar eses custes. Hai que poñer fin a esta situación.", denunciou o candidato á alcaldía.

Reclamación tamén no Congreso

Igrexas salientou que esta cuestión será tamén defendida polo BNG no Congreso a partir do vindeiro 28 de abril. "As viguesas e os vigueses teñen que saber que o seu voto ao BNG, que estou certo vai facer deputada a Carme Da Silva en Madrid, será un voto para defender sen complexos os dereitos sociais, a principiar pola vivenda", asegurou. 

Neste sentido, o candidato número 2 ao Congreso pola provincia de Pontevedra, o vigués Xesús López Carreira, manifestou o compromiso do BNG para reclamar en Madrid a transferencia dos activos da Sareb situados na Galiza para incorporalos nunha bolsa de vivendas sociais no noso País. 

"A vivenda non é unha mercadoría máis. Ter un teito baixo o que vivir é un dereito social básico e o que non se pode permitir é que unha entidade pública como a Sareb ou bancos privados resgatados con cartos públicos pretendan seguir especulando mentres centos de persoas cada ano perden a súa vivenda na nosa cidade", explicou López Carreira.

O BNG reclama que os pisos da Sareb en Vigo se incorporen a unha bolsa de vivenda social