O BNG defenderá en Madrid máis financiamento estatal para a cidade de Vigo
_O candidato número 2 do BNG ao Congreso por Pontevedra, o vigués Xesús López Carreira, compromete que “o voto determinante do BNG no Congreso a partir do 28 de abril exixirá unha mudanza do sistema de financiamento para acabar coa discriminación dos concellos galegos”.
_“Hai que rematar coa aldraxe que permite que por exemplo unha cidade como Málaga reciba máis financiamento do Estado que as sete cidades galegas xuntas con case o duplo de poboación”, reclama o candidato nacionalista á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas.
O Bloque Nacionalista Galego incorpora dentro das súas propostas programáticas de cara aos comicios xerais do vindeiro 28 de abril, a reclamación dun novo modelo de financiamento que remate coa discriminación dos concellos galegos. “Non podemos seguir a tolerar que as veciñas e os veciños das vilas e cidades do noso País reciban de media 50 euros menos de financiamento que a media estatal”, defende o candidato número 2 ao Congreso por Pontevedra, o vigués Xesús López Carreira. Neste sentido, Carreira denuncia que o actual sistema de reparto da chamada Participación nos Ingresos do Estado (PIE), os municipios galegos reciben un 5,05% do total a pesar de que Galiza representa o 6,24% da poboación do Estado. “Esta discriminación tradúcese en menos recursos precisamente en concellos nos que enfrontamos maiores necesidades e factores específicos como a dispersión xeográfica e o avellentamento da poboación”, acrecenta.
Pola súa parte, o candidato do Bloque á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, salientou que a presenza do BNG no Congreso será determinante para evitar que a cidade olívica e as restantes urbes galegas sexan tratadas como de “terceira división”. “Hai que rematar coa aldraxe que permite que, por exemplo, unha cidade como Málaga reciba máis financiamento do Estado que as sete cidades galegas xuntas, co duplo de poboación”, denuncia Igrexas. A cidade andaluza, con 570 mil habitantes, ingresa 8,5 millóns de euros máis que a suma dos sete maiores concellos galegos, que representa case 990 mil habitantes.
“Defender Vigo non é dicir ‘si bwana’ cando goberna en Madrid o teu partido, como fan PP ou PSOE, senón reclamar o que merece a cidade con firmeza e sen ningún tipo de subordinación, e iso só o pode facer o BNG”, remacha o candidato nacionalista que lembra que o proxecto de orzamentos do Estado, –aprobado por PSOE, Podemos e En Marea– “para alén da propaganda deixaban sen atender as principais necesidades da maior cidade de Galiza”.
Concerto económico galego
O BNG entende que dentro da reforma do financiamento local hai que retirar as limitacións do endebedamento e restricións do défice público marcadas na Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local, que supuxo “un asalto á democracia e aos servizos públicos que impoñía o aforro e a redución do gasto público como principais criterios no funcionamento dos Concellos, coa intención expresa de favorecer a iniciativa privada e á marxe das necesidades, decisións e prioridades das súas habitantes”.
A fronte nacionalista demandará tamén a posta en marcha dun concerto económico galego para garantir o sistema galego de financiamento local. “O actual modelo está a provocar que os concellos galegos sexan os peor financiados do Estado e os concellos vascos os mellor financiados. Nós demandamos para Galiza o mesmo que xa ten Euskadi, recadarmos aquí para dar servizo ás necesidades das galegas e dos galegos”, argumenta López Carreira.
Emporiso, o candidato número 2 ao Congreso, chamou a ese preto do 40% da poboación que inda se declara indecisa a “acudir a votar o 28A pensando no mellor para Galiza” e puxo en valor o voto ao BNG como un “voto duplo, que defenderá sen dependencias os intereses do noso País exixindo que se poña fin á discriminación que padecemos, e que será un voto firme en favor da maioría social que representan as clases traballadoras e un dique de contención democrático fronte a ameaza reaccionaria da dereita españolista”.