Bará defende unha paquete de medidas integral para salvar o conxunto do sector naval vigués e as empresas auxiliares
Convocar a mesa do naval, saldar a débeda coas auxiliares, intervención pública e centro de reparacións na Ría de Vigo, entre as propostas do BNG
Afea a Feixóo as súas amizades perigosas con PEMEX no caso de Barreras e o boicot a Vulcano utilizando os cargos do PP no Porto de Vigo
O BNG levou ao Parlamento unha proposición non de lei a favor dunha solución integral para o sector naval de Vigo, con Vulcano e Barreras como principais retos, pero tamén para ás empresas auxiliares, que soportan un “auténtico drama”. O deputado por Pontevedra, Luís Bará, foi o encargado de defender a iniciativa que incluía cinco propostas concretas a favor do naval vigués.
En primeiro lugar, convocatoria urxente da mesa do naval con todos os sectores afectados; segundo, garantir o cobro da débeda para todas as empresas auxiliares; terceiro, negociar co Porto de Vigo a continuidade de Vulcano nos terreos que ocupa hoxe; cuarto, elaborar un estudo sobre a viabilidade da intervención pública e, quinto, que a Xunta lidere xunto co sector a creación dun centro de reparacións navais na Ría de Vigo.
“Temos que xogar a bola de partido que pasa pola intervención publica tanto da Xunta como do Estado e por iso tamén o naval vigués está recollido no acordo de investidura, con medidas de apoio a Vulcano e Barreras”, salientou Bará, en relación a estes dous estaleiros que están “ao borde da desaparición”, ao igual que as empresas auxiliares “nas que están en xogo miles de postos de traballo e isto pode ser un golpe de gracia para un sector que xa sufriu moito nos últimos anos”.
O deputado nacionalista sinalou a quen considera responsables directos da situación do naval vigués. “Hai responsabilidade máxima directa dos xestores, dos empresarios, algúns moi coñecidos polo PP, e tamén responsabilidade máxima da Xunta de Galiza que ten competencias no sector naval e en política industrial, cunha lei de 2010 que marca o camiño”, explicou.
Bará acusou ao goberno de Feixóo de “enganar” aos traballadores de Vulcano tras dicirlles que encontrarían un inversor ao acabar o ferry, “pero están na casa”. E tamén responsabilizou ao Executivo da situación extrema en Barreras.
“Porque foron os principais causantes de levar o barco ás pedras, os principais responsables do fiasco de PEMEX que quedou en nada tras facer unha utilización electoral do suposto contrato cos mexicanos, son as súas mentiras e enganos e agora os responsables desa empresa están perseguidas ante a xustiza mexicana, os mesmos cos que antes se facían fotos Feixóo e Conde, as súa amizades perigosas, ían de ganchete cos corruptos do goberno mexicano”, criticou durante a defenda da proposición non de lei, que non prosperou polo veto do PP.
Fronte á propaganda do PP retransmitida no seu día pola TVG, “a realidade é que Barreras está ao borde do abismo co prazo de 2 de febreiro para salvar a entrada en concurso, pero temos que ter coidado coas saídas falsas, porque aquí non se trata de salvar aos accionistas, senón que temos que salvar ao sector naval da ría de Vigo, unha solución global de futuro para o conxunto do sector naval”, alegou Bará.
En relación a Vulcano, para o BNG é clave para darlle unha oportunidade de futuro conseguir que sega tendo a súa disposición os terreos que ocupa na actualidade, cuestión que ten como principal boicoteador ao propio PP a través do consello de administración do Porto de Vigo.
“É importantísimo non dar Vulcano por perdido, nin Barreras nin as empresas auxiliares. No primeiro caso garantindo que seguirán nos terreos que hoxe ocupa pero o PP está poñendo paus nas rodas a través da Autoridade Portuaria de Vigo onde están destacados militantes do PP como o presidente Enrique López Veiga, Alfonso Rueda, vicepresidente ou Corina Porro, delegada do Goberno en Vigo. Están boicoteando unha solución para Vulcano”, denunciou.