O BNG de Vigo demanda unha auditoría do servizo de autobús urbano para melloralo

634941

Xabier P. Igrexas demanda unha “remodelación integral” cun novo mapa de liñas, máis frecuencias, menor tempo de viaxe, facilidades para o transbordo e tarifas máis económicas.

A fronte nacionalista sinala que o aumento de viaxeiros e viaxeiras en 2019 foi case a metade que o rexistrado en 2018.

O BNG de Vigo demanda unha auditoría do servizo de autobús urbano para melloralo

 Tras coñecer os datos de número total de persoas viaxeiras cos que o servizo de autobús urbano da cidade de Vigo, xestionado por Vitrasa, fechou o ano 2019, o BNG demandou que o Concello de Vigo realice unha auditoría do mesmo co obxectivo de melloralo.

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, valorou que malia o incremento no número de usuarias e usuarios rexistrado, ese aumento é case a metade do que se producira o ano anterior, concretamente dun +1,4% en 2019 fronte ao +2,6% de 2018. Uns datos que reflicten, para Igrexas, a necesidade de acometer unha “mellora substancial” do servizo para incrementar o número de viaxeiras e viaxeiros e reducir, desta maneira, a utilización do coche particular. Aliás, o edil nacionalista expresou a súa preocupación polo feito de que, segundo un recente informe elaborado por Moovit, Vigo sexa a segunda cidade do Estado, detrás de Burgos onde menos se usa o transbordo o que demostraría a deficiencia do actual mapa de liñas e a insuficiencia das frecuencias.  

Desde o Bloque defenden que ás portas de que finalice a actual concesión é o momento máis axeitado para o Goberno municipal realizar unha auditoría completa do funcionamento do servizo, para “poder coñecer con indicadores fiábeis e obxectivos a calidade do servizo e para definir en que ámbitos hai que actuar para melloralo para o converter nunha opción para o conxunto da cidadanía”, segundo apuntou Igrexas. Nese sentido, o portavoz municipal nacionalista anticipou que “a realidade cotiá, a que palpan cada día millares de viguesas e vigueses que facemos uso do bus urbano é que é necesaria unha remodelación integral”.

A revisión do mapa de liñas para conectar o conxunto dos barrios e parroquias e mellorar a conexión con infraestruturas básicas –como o novo hospital, o CUVI ou as terminais de transporte–, o aumento das frecuencias despregando máis buses e con máis persoal condutor, facilitar o transbordo cunha nova organización das cadencias horarias, a redución dos tempos de viaxe e a rebaixa das tarifas serían as cuestións a abordar nese proceso de orientado a lograr, segundo Igrexas, que Vigo teña un autobús urbano á altura dunha urbe de 300 mil habitantes e a principal cidade de Galiza.

O BNG de Vigo demanda unha auditoría do servizo de autobús urbano para melloralo