O Bloque reclama o derrubo da cruz do Castro en cumprimento da Lei da Memoria Histórica
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, explicou o contido da moción que defenderá no vindeiro pleno, na que se demanda o cumprimento da Lei de Memoria Histórica no Concello de Vigo e por tanto a demolición da Cruz dos Caídos no monte do Castro. Agardamos que esta moción se aprobe e que definitivamente nos libremos dos símbolos franquistas na nosa cidade, manifestou Iolanda Veloso.
A responsable nacionalista salientou que o documento tamén reclama unha revisión exhaustiva do rueiro de Vigo, de forma que se eliminen os nomes de personaxes que directamente foron representantes e colaboradores da ditadura franquista e verdugos de centos de republicanos e republicanas na nosa cidade e se renomeen cos nomes de persoas republicanas loitadoras.
Outros aspectos que recolle a moción é a colocación dun panel municipal próximo aos restos do capitán Carreró, que indique que este foi un criminal fascista responsábel do asasinato de miles de cidadáns e cidadás de Vigo, así como a petición de adhesión e apoio ao xuízo que se desenvolve na Arxentina contra os delitos de xenocidio cometidos pola ditadura franquista.
Entendemos que neste momento isto é o mínimo que debe asumir o goberno vigués, subliñou Iolanda Veloso, quen lembrou que estas demandas que recolle a moción do Bloque son reclamadas desde hai anos pola sociedade viguesa.
Precisamente a portavoz municipal do BNG lembrou o acto celebrado o pasado 27 de agosto na fosa común de Pereiró en homenaxe aos alcaldes de Vigo e Lavadores, Martínez Garrido e Antela Conde, setenta e sete anos despois do seu fusilamento na tapia do cemiterio xunto a outros destacados dirixentes da esquerda viguesa.
Consideramos necesario que as actuais autoridades democráticas realicen un desagravio e reparación e para iso cómpre recordar quedan vestixios máis de cinco anos despois da aprobación da Lei da Memoria Histórica, salientou Veloso, quen lembrou que esta lei obriga a retirar dos espazos públicos todo símbolo ou mención conmemorativa de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura, como así aconteceu coa retiada do vítor gravado no frontispicio da Casa das Artes.