O BNG acusa o Goberno de Caballero de “política temeraria” por negarse a reforzar os bombeiros de Vigo
Critica o voto en contra do grupo municipal do PSOE á moción nacionalista que pedía incrementar o persoal deste servizo esencial para cumprir co mínimo de 20 efectivos
Xabier P. Igrexas: “Xogan á ruleta rusa coa seguridade da cidade e dos propios bombeiros, comprometendo a capacidade de resposta ante situacións de emerxencia”
O Bloque Nacionalista Galego acusa o Goberno de Abel Caballero de “política temeraria” por negarse a reforzar o corpo de bombeiros de Vigo. Así o denunciou este luns o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, durante a sesión do Pleno municipal na que a fronte nacionalista formulou unha moción para demandar máis persoal para este servizo esencial e cumprir deste xeito co mínimo de 20 efectivos fixado polo propio Goberno local.
“A súa política é a de negar os problemas, son especialistas en meter todo debaixo da alfombra da impotencia e da incapacidade”, valorou Igrexas, afeando o voto en contra do grupo municipal socialista á moción do Bloque. “En 5 minutos de intervención a concelleira de Contratación, Patricia Rodríguez, foi incapaz de negar ningún dos feitos gravísimos que se denuncian a respecto da situación de inseguridade que se vive na cidade por non dispoñer dun servizo de bombeiros suficiente”, subliñou.
O portavoz municipal do Bloque acusou o Goberno municipal de volver a xogar á “ruleta rusa” coa seguridade da cidade e do propio corpo de bombeiros, “comprometendo a capacidade de resposta ante situacións de emerxencia e ante a posibilidade de que suceda algo grave, que ninguén desexa”. Unha falla de persoal que, considerou, é a causa principal dos recorrentes peches do parque de Coruxo que “deixa desprotexida a metade do termo municipal e incrementa perigosamente os tempos de resposta”.
Saída en falso do conflito
Igrexas rexeitou nese sentido as pretensións do Goberno local de “pechar en falso o conflicto” cun plan de reforzos que, advertiu, significa retornar aos tempos onde persoal do servizo de bombeiros chegou a acumular até 1.100 horas extra de traballo durante un ano. “Un plan de reforzos que non conta nin co informe de riscos laborais e que se vai elaborar sen terse concluída a valoración de postos, con enormes incertezas sobre a propia RPT, e que non se axusta á normativa”, alertou Igrexas.
O voceiro municipal do BNG lamentou tamén que o Goberno local tentara impedir que se realizara a asemblea de traballadores do servizo de bombeiros no mesmo lugar que se realiza dende hai 20 anos. “Unha asemblea que está a ter lugar neste momento diante do parque de bombeiros contra o seu criterio e cunha resolución aberrantemente ilegal onde vostedes lles dicían onde se poden reunir ou non os traballadores”, criticou.
Dende a fronte nacionalista lembraron aos membros do Goberno de Caballero que son “unha parte moi importante do problema” no servizo de bombeiros. “Mentres insistan en negalo, en acreditar como parece indicar o portavoz do PP que isto se resolve con pagas, non imos avanzar na solución”, afirmou Igrexas, asegurando que o problema de fondo é de efectivos: “O que levan a demandar moitos anos os bombeiros é ter máis bombeiros no corpo para deixar de xogarse o tipo”, remachou.