O BNG denuncia o “colapso” no hospital de día de oncoloxía do Álvaro Cunqueiro por falla de medios
A fronte nacionalista reclama á Xunta que reforce o servizo para poñer fin ás demoras na atención e para evitar que as persoas doentes sexan enviadas de volta aos seus domicilios sen recibir os tratamentos de quimioterapia
Montse Prado: “Esta situación é un claro espello da política sanitaria do PP: a falla permanente de persoal e de espazos, e de sensibilidade coas persoas máis vulnerábeis”
Xabier P. Igrexas: “Mentras o PP entrega cada ano centos de millóns de euros públicos ás empresas amigas da sanidade privada, persoas enfermas de cancro son devoltas a casa sen recibiren tratamento"
O Bloque Nacionalista Galego denuncia o “colapso” do hospital de día de oncoloxía do Álvaro Cunqueiro. A fronte nacionalista vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego reclamando á Xunta que reforce de inmediato o servizo para poñer fin ás demoras na atención e para evitar que as persoas doentes sexan enviadas de volta aos seus domicilios sen recibir os tratamentos de quimioterapia.
“Esta situación está saíndo á luz pública pola valentía das persoas doentes que se atreven a denunciar este colapso, a pesares da vulnerabilidade na que se atopan debido á gravidade da súa doenza”, destacou a deputada e portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado.
Prado criticou a “falla de planificación” da Xunta do PP lembrando que, na última década, aumentou más dun 11% a demanda deste servizo. Así, algunhas xornadas chegan a ser 50 as persoas atendidas no hospital de día de oncoloxía, moi por riba das ratios para o persoal dispoñíbel. En lugar de 7 doentes por cada profesional de enfermería, como está recomendado, nalgúns momentos atenden até 18 persoas por enfermeira ou enfermeiro.
Unha falla de medios que se traduce en que cada vez é máis habitual que non se lle administre os tratamentos de quimioterapia a persoas doentes citadas, que son enviadas de volta aos seus domicilio e teñen que volver outro día. “Co que iso supón de trastorno e de incerteza para as doentes, que ven como se pone en risco a súa saúde”, lamentou a deputada nacionalista, quen subliñou que estas carencias só se van superando polo “bo facer do persoal que vive con impotencia esta saturación”.
Para o BNG esta situación é un “claro espello da política sanitaria do PP”, agravada neste caso por tratarse dun servizo para atender unha patoloxía tan sensíbel como a oncolóxica que, a xuízo da fronte nacionalista, precisa de extremar tanto os coidados como a atención que reciben as persoas doentes.
Por estes motivos, a portavoz de Sanidade do Bloque insta ao Goberno galego a dimensionar canto antes o hospital de día oncolóxico do Álvaro Cunqueiro de Vigo, tanto nas ratios de persoal-doentes como no espazo dispoñíbel, para poder dar resposta á demanda existente e evitar que se sigan repetindo estas demoras na atención.
Un dos exemplos máis duros da política do PP
De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, inscribiu a "situación inadmisíbel que se vive no hospital de día de oncoloxía" como un dos exemplos "máis duros e inxustos" da política sanitaria do PP.
"Mentras o PP entrega cada ano centos de millóns de euros públicos ás empresas amigas da sanidade privada, persoas enfermas de cancro son devoltas a casa sen recibiren tratamento", denunciou. Igrexas esixiu ao PP que "deixe de xogar coa saúde e a vida das persoas facendo da sanidade un negocio para uns poucos mentras desmantela a rede sanitaria pública".