O BNG cualifica de grave ameaza ambiental e para a pesca o proxecto de macroparque eólico do Volanteiro
A fronte nacionalista denuncia o “dobre discurso” do PP na Xunta que di defender o sector pesqueiro mentres beneficia a proliferación de proxectos eólicos nas costas galegas
Rosana Pérez: “O BNG apostamos polas enerxías renovábeis pero non a costa de primar os intereses do oligopolio eléctrico en contra dun sector fundamental da nosa economía”
Xabier P. Igrexas: “Non imos consentir que, baixo o pretexto da falsa sustentabilidade, continúe a depredación ambiental das nosas costas e poñer en risco unha actividade estratéxica para Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego cualifica de grave ameaza ambiental e para a pesca o macroparque eólico do Volanteiro. A fronte nacionalista denuncia o “dobre discurso” do PP na Xunta de Galiza que di defender o sector pesqueiro mentres beneficia a proliferación de proxectos de eólica mariña nas costas galegas con graves afeccións sobre esta actividade.
“A implantación de parques eólicos no noso litoral non se pode levar a cabo a calquera prezo”, advertiu a portavoz de Pesca do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez, que destacou a importancia do sector pesqueiro na economía galega como segunda actividade en volume de negocio, que representa o 10% das exportacións e que emprega, de xeito directo e indirecto, a máis de 120 mil persoas en Galiza.
Pérez valorou como “incompatíbel” coa pesca este “boom eólico” e defendeu a prioridade desta actividade. “O BNG apostamos polas enerxías renovábeis pero non a costa de primar os intereses do oligopolio eléctrico en contra dun sector fundamental da nosa economía”, asegurou sobre o macroparque Volanteiro, que suporía instalar decenas de muíños eólicos a menos de 30 quilómetros da costa da Guarda e a 50 quilómetros do litoral da cidade de Vigo.
A voceira de pesca nacionalista acusou á Xunta de “disfrazar de enerxía limpa” esta ofensiva das multinacionais enerxéticas nas costas galegas e de actuar cunha “total falta de transparencia” a respecto destes proxectos. “É incomprensíbel que se estea a apostar polo mesmo esquema de sempre: poñer a Galiza a producir enerxía, en moitos casos con importantes achegas de cartos públicos a grandes empresas privadas que non deixan beneficio ningún aquí, ao contrario da pesca que xera riqueza no noso País”, reprochou.
Unha ameaza para o noso litoral
No mesmo sentido, o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo asegurou que “non imos consentir que, baixo o pretexto da falsa sustentabilidade, continúe a depredación ambiental das nosas costas e poñer en risco unha actividade estratéxica para Vigo e a súa comarca como é a pesca”.
Igrexas alertou sobre a “grave ameaza” a nivel ambiental, paisaxístico e económico que suporía a instalación deste macroparque eólico. “O BNG denunciamos de maneira rotunda que este tipo de proxectos só perseguen un obxectivo: seguir a beneficiar ás grandes empresas do oligopolio eléctrico”, censurou.
O concelleiro nacionalista en Vigo defendeu a “aposta decidida do BNG por avanzarmos cara unha Galiza ecoloxicamente máis sustentábel”, porén advertiu de que non pode ser a cidadanía nin o noso medio natural “quen pague as consecuencias destas instalacións absolutamente inxustificadas”.