O BNG urxe á Xunta máis medios para resolver o colapso das Urxencias pediátricas na área sanitaria de Vigo
A fronte nacionalista reclama no Parlamento galego reforzos de persoal no Hospital Álvaro Cunqueiro e nos centros de saúde, así como habilitar máis Puntos de Atención Continuada con atención pediátrica, para poñer fin á saturación
Montse Prado: “Estamos nunha situación dramática por unhas políticas sanitarias do PP que non garanten a atención dos nenos e nenas por especialistas de pediatría”
Xabier P. Igrexas: “É intolerábel que a resposta por parte do conselleiro de Sanidade diante desta situación límite sexa que o problema é que as nosas crianzas enferman”
O Bloque Nacionalista Galego urxe á Xunta de Galiza máis medios para resolver o colapso que padecen as Urxencias pediátricas na área sanitaria de Vigo. A fronte nacionalista vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego para reclamar reforzos de persoal no Hospital Álvaro Cunqueiro, que rexistra nos últimos días unha media de casos por riba dos 230 nenos e nenas, cen máis dos atendidos na mesma altura de 2019.
“Os tempos de espera para que sexan atendidas as crianzas están sendo tremendamente elevados, en casos de até catro horas, e moitas máis amoreadas en corredores agardando diagnóstico ou ingreso”, denunciou ás portas do hospital vigués a portavoz parlamentar de Sanidade do BNG, Montse Prado, acompañada do concelleiro e candidato á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, e de representantes institucionais do Bloque da área sanitaria.
Prado acusou ao Sergas de desoír as continuas alarmas que evidencian a necesidade de aumentar os medios humanos e de mellorar a organización do servizo. “Esta presión asistencial e saturación estáse trasladando tamén á planta de hospitalización, onde as camas están sendo insuficientes”, advertiu, subliñando que son tamén os propios profesionais os que están alertando desta grave saturación.
A voceira nacionalista de Sanidade apuntou que esta situación “dramática” é consecuencia tamén da falla de recursos que ten nunha situación “límite” a Atención Primaria.
“Non hai ningún centro de saúde, nin Punto de Atención Continuada (PAC) que teña unha situación de normalidade, hai carencias en todos e ningunha vontade de solucionalas”, lamentou, asegurando que na área sanitaria se acumulan os centros co cartaz de “non hai médico”.
A deputada nacionalista asegurou que no caso da atención pediátrica está situación é especialmente grave, con centros de saúde que carecen desta especialidade e con esperas de mínimo 10 ou 15 días para obter unha cita, o que obriga a moitas familias a acudir ás Urxencias como única saída. “As nenas e os nenos teñen especificidades propias, non son adultos en pequeno, e precisan dunha atención experta axustada ás súas necesidades”.
Por estes motivos, a fronte nacionalista demandou no Parlamento galego dimensionar de forma urxente o servizo de Urxencias Pediátricas do Hospital Álvaro Cunqueiro, dotar a todos os centros de saúde de especialistas en pediatría e habilitar como mínimo un PAC en cada comarca da área sanitaria de Vigo con atención para os menores, en especial no PAC de Pizarro, e sumando dous novos PAC en Coia-Navia e Teis.
O problema é a sanidade recortada do PP
Pola súa banda, o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, sinalou como causa deste problema ás políticas sanitarias de recortes e privatizacións do PP na Xunta. “Este é o corolario dun desastre que era previsíbel”, afirmou. “É evidente que hai un pico asistencial pola época do ano na que estamos, pero esa non é a razón fundamental que explica este colapso”, engadiu.
Igrexas cualificiou de “intolerábel” que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinale como único problema que “as nenas e nenos enferman”, cando esta situación evidencia o “fiasco do modelo” do Álvaro Cunqueiro. “O problema non é a proliferación dos virus, o problema é que a sanidade recortada do PP impide brindarlle a atención médica que merecen as nosas crianzas”, afeou.