O BNG propón unha batería de medidas alternativas para reverter as graves dificultades de acceso á vivenda en Vigo
A fronte nacionalista rexistra unha moción ao Pleno na que reclama actuacións urxentes de Concello, Xunta e Goberno español para enfrontar un dos principais problemas sociais da cidade e diante da falla de respostas das distintas administracións.
Xabier P. Igrexas: «Abel Caballero presume de que Vigo é a mellor cidade para vivir, pero non fai nada para que vivir en Vigo deixe de ser un luxo inasequíbel para millares de persoas»
Sobre a remodelación do Goberno municipal, o BNG cualifica a decisión de «cambio de caras» e reitera a necesidade dunha rectificación das políticas de persoal e seguridade.
O Bloque Nacionalista Galego propón unha batería de medidas alternativas para reverter as graves dificultades para acceder a unha vivenda en Vigo. A fronte nacionalista trasladará unha moción ao Pleno municipal, previsto para este mércores, na que reclama un maior esforzo do Concello, da Xunta e do Goberno español para facer fronte a un dos principais problemas sociais da cidade, derivado do incremento dos prezos dos alugueiros e compravenda e agravado pola falla de respostas das distintas administracións.
«A situación da vivenda na maior cidade de Galiza é dunha especial gravidade», valorou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, durante unha rolda de prensa na que presentou a batería de propostas das nacionalistas. «Con estas medidas queremos visibilizar que hai alternativa, que a situación é resolúbel e que se debe actuar para facilitar o acceso social á vivenda poñendo fin á actual lóxica de especulación sobre este ben esencial».
Así, Igrexas chamou tanto ao Goberno galego como español a cooperar para frear o aumentos dos prezos da vivenda, que en Vigo incrementaron no caso do alugueiro até un 40% nos últimos cinco anos, situando o custo medio por enriba dos 700 euros mensuais, e no relativo ás compravendas un 7,3% no último ano, cinco puntos máis que a media do Estado. Un incremento dos custos relacionado coa escasa oferta de vivenda dispoñíbel para alugueiro, poucas máis de 600 vivendas en toda a cidade que conta con máis de 18 mil inmóbeis baleiros, e na que hai hoxe máis vivendas turísticas que para uso residencial.
O edil nacionalista afeou a falla de promocións públicas de vivenda que faciliten o acceso social ás clases populares e traballadoras, unha situación que sitúa a Vigo como a cidade galega con maior número de persoas rexistradas como demandantes de vivenda protexida
Así, a moción do BNG insta á Xunta a exercer as súas competencias nesta materia, en particular no Plan Parcial de Navia para aumentar as vivendas destinadas a alugueiro a prezos asequíbeis, con apenas 80 vivendas de promoción pública das 1.600 previstas. Tamén reiterou a petición ao Goberno español para que transfira os inmóbeis e o solo titularidade da Sareb en Vigo para incorporalas a un parque público de vivendas.
«A Xunta do PP desenvolveu en 13 anos apenas dúas promocións públicas de vivenda e un escaso número de vivendas rehabilitadas polo Consorcio do Casco Vello, moitas con importes por riba dos 200 mil euros, abertamente inasumíbeis para familias traballadoras e persoas mozas», censurou o concelleiro do Bloque, que urxiu tamén a garantir alternativas habitacionais para as persoas e familias vulnerábeis ou vítimas de desafiuzamentos. «A única alternativa que lle brinda a Xunta e o Concello é o desterro a outros municipios», recriminou.
Medidas do Concello
No terreo municipal, a fronte nacionalista acusou ao goberno do PSOE de sumarse ao desleixo da Xunta por desistir de forma «deliberada» das súas competencias en materia de vivenda. «Abel Caballero prometía no ano 2007 que promovería 6 mil vivendas protexidas pero, 15 anos despois, non se promoveu ningunha», denunciou Igrexas, que criticou tamén a decisión de «malvender para facer caixa» vivendas de titularidade municipal, como a promoción de Rosalía de Castro, en vez de para crear un parque público de vivendas.
As nacionalistas propoñen impulsar unha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social que permita desenvolver un parque municipal de vivendas en réxime de alugueiro a prezos asequíbeis, no que chaman a incorporar miles de vivendas desocupadas na cidade, en especial aquelas propiedade da Sareb e de entidades financeiras rescatadas con fondos públicos mediante a subscrición de convenios.
Ademais, o concelleiro do BNG insistiu na necesidade dun Plan Municipal Facilitador do Alugueiro para combater o endurecemento das condicións de acceso á vivenda, con esixencias económicas e de garantías cada vez maiores, para que o Concello asuma e responda polos avais e seguros para formalizar os contratos, así como unha liña de axudas para anticipar os pagos das fianzas e permitir a súa devolución en 24 meses sen xuros.
E diante da proliferacións de pisos con fines turísticos e vacacionais, que xa superan a oferta dispoñíbel para alugueiro residencial, a fronte nacionalista urxe frear este incremento coa elaboración dunha ordenanza municipal que regule o fenómeno. «Abel Caballero fachendea de que Vigo é a mellor cidade para vivir, certamente así é, pero non fai nada para que vivir en Vigo deixe de ser un luxo inasequíbel para millares de persoas».
Remodelación «cosmética» do Goberno municipal
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, valorou tamén a recente remodelación do Goberno municipal, un cambio que cualificou de meramente «cosmético»pero que, a xuízo da fronte nacionalista, ratifica a «nefasta» xestión da concelleira Elena Espinosa á fronte da área de Seguridade, como xa ocorreu en abril cando deixou tamén a carteira de persoal. «Baixo a súa xestión a nosa cidade non foi segura por non dispor, entre outros, do número necesario de efectivos de bombeiros», subliñou sobre Espinosa, a quen acusou de cronificar estas problemáticas.
Igrexas considerou que a creación dunha nova concellería para a xestión dos fondos europeos a cargo da propia Espinosa é unha «coartada» para camuflar esta retirada de competencias e xustificar que continúe a percibir unha dedicación exclusiva do Concello–retribuída con preto de 61.500 euros brutos anuais, o que equivale a máis de catro veces o salario mínimo interprofesional–, converténdoa nunha caste de «senadora municipal».
«Os problemas non se resolven cun cambio de caras, o que urxe é unha rectificación completa das nefastas políticas desenvolvidas tanto no ámbito de persoal como, sobre todo, da seguridade», remachou o portavoz municipal nacionalista.