O BNG esixe que o Goberno español cese no “desprezo e abandono” do Centro Oceanográfico de Vigo
A fronte nacionalista anuncia iniciativas no Congreso, no Parlamento galego e no Concello de Vigo após o “duro golpe” que suporá a derruba da nave de cultivos
Néstor Rego: “Non se pode tolerar que se poña en risco esta actividade investigadora polas deficiencias nas instalacións e a falta de mantemento”
Xabier P. Igrexas: “Esta situación obedece ao maltrato continuo que padece por parte do goberno de Madrid esta institución que é un referente internacional”
O Bloque Nacionalista Galego esixe que o Goberno español cese no “desprezo e abandono” do Centro Oceanográfico de Vigo. A fronte nacionalista anuncia iniciativas no Congreso, no Parlamento galego e no Concello de Vigo após o “duro golpe” que suporá a derruba da nave de cultivos polas “deficiencias e a falta de mantemento” das instalacións situadas en Cabo Estai, acreditadas nun informe sobre o estado das mesmas.
Así, o deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de interpelar ao Goberno español para urxir melloras no centro vigués ante o “risco” para a continuidade de actividades e estudos a causa do mal estado das instalacións, en particular na planta de cultivos que representa unha das principais áreas investigadoras. Cuestionou, nese sentido, a negativa do Executivo central ás emendas formuladas polo Bloque, coa que solicitaban incluír unha partida de 2,4 millóns nos Orzamentos Xerais deste ano para a súa ampliación e reforma.
O deputado nacionalista reiterou ademais a necesidade de que o Goberno español comece as negociacións coa Xunta para a transferencia das sedes situadas na Galiza co obxectivo de mellorar a integración e o funcionamento destes centros. “Esta institución ten unha íntima relación co sector pesqueiro, tan importante no noso País, e co industrial. Un asunto que o Goberno do Estado debería protexer, manter e mesmo potenciar”, demandou Rego.
Maltrato continuo
Na mesma liña, o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, acusou ao goberno de PSOE e Unidas Podemos de “maltratar” o Centro Oceanográfico de Vigo. Primeiro rexeitando a posibilidade de que fose sede permanente de pesquerías e acuicultura e, posteriormente, tentando “encubrir esta decisión inxusta cun paripé bochornoso”, en relación á mesa de ciencia pesqueira celebrada a finais de 2022 e que durou apenas unha mañá.
“Esta situación obedece ao desprezo e abandono continuo que padece por parte do goberno de Madrid esta institución que é un referente internacional no ámbito da investigación e da innovación”, reprochou Igrexas, que avanzou que o BNG vai esixir con “absoluta contundencia e firmeza que cese esta política” contra o centro vigués en todas as institucións.