O BNG denuncia un novo contrato millonario da Xunta para derivar pacientes á sanidade privada na área de Vigo
A deputada, Montse Prado, esixe que o PP deixe de actuar como comercial a favor das multinacionais da sanidade privada e anuncia emendas aos orzamentos da Xunta de 2022.
Xabier P. Igrexas: “As decisións que se están a adoptar desde o Sergas e a Consellaría de Sanidade supoñen unha grave ameaza para a saúde de toda a área sanitaria de Vigo”.
VIGO, 3 de novembro 2021.- O Bloque Nacionalista Galego denunciou este mércores outro paso na privatización da sanidade na área sanitaria de Vigo, como consecuencia das políticas da Xunta gobernada polo PP. A deputada no Parlamento galego, Montse Prado, alertou en rolda de prensa dun novo contrato millonario que vén de licitar o Sergas para derivar pacientes da sanidade pública á privada co fin de rebaixar as listas de espera.
“O obxectivo do PP é deixar unha sanidade pública esnaquizada, en mans de multinacionais de fóra de Galiza", criticou Prado, que esixiu que “o PP deixe de actuar como comercial destas empresas privadas e de intentar normalizar este traslado constante de cartos”. A deputada nacionalista informou de que o contrato ascende a 49,5 millóns de euros para os próximos cinco anos que, sumados aos xa en vigor, son un total de 160 millóns cada curso que se “detraen da pública para entregar á privada” na área de Vigo.
Para Prado este novo contrato é un “auténtico escándalo”, pois recordou que hospitais privados como Povisa xa teñen listas de agarda de pacientes derivados da sanidade pública, unhas 2.700 persoas segundo os últimos datos, que a Xunta non lle esixe rebaixar. Considerou así que unha vez máis o PP utiliza a área sanitaria de Vigo como “auténtico banco de probas” na súa folla de ruta para recortar e privatizar a sanidade pública en Galiza.
A deputada do BNG advertiu de graves deficiencias que afectan actualmente a esta área sanitaria con máis de medio millón de pacientes de 26 concellos. Denunciou as longas demoras para procesos e tratamentos tan importantes como a rehabilitación de doentes de ictus, para a atención en saúde mental, en citas de xinecoloxía e de oncoloxía.
Por estes motivos, Prado anunciou que a fronte nacionalista presentará emendas aos orzamentos da Xunta presentados polo PP para 2022 para esixir unha rectificación nestas políticas sanitarias, cuxas partidas incrementan só un 0,03% a respecto do presente ano. En particular, subliñou que a Atención Primaria é unha das máis damnificadas, con dous millóns de euros menos, malia estar “en situación de colapso e endémica falta de profesionais”.
Como exemplo desta política de recortes na Atención Primaria, sinalou a recente inauguración do centro de saúde de Bouzas como “unha burla á veciñanza” por abrir con só tres profesionais e unha soa consulta de medicina de familia e enfermería.
“Se algo ensinou a pandemia é a necesidade de ter un sistema sanitario público, vertebrado, con recursos, con profesionais suficientes para atender as necesidades de saúde e salvar vidas”, demandou Prado, que recordou os avisos do Consello de Contas sobre este tipo de concertos coa privada, pola falta de mecanismos de control da calidade asistencial e porque se están a converter en estruturais e non nunha resposta puntual.
Unha grave ameaza para a saúde
Na rolda de prensa interveu tamén o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que destacou na mesma liña que “as graves deficiencias que se seguen a producir na atención sanitaria da área de Vigo son consecuencia directa das políticas de recorte e privatización” que aplica a Xunta.
“A papeleta do PP debe levar nas vindeiras eleccións unha advertencia semellante a dos cartóns de tabaco, sinalando que as políticas sanitarias da dereita supoñen un grave risco para a saúde”, ironizou Igrexas, que criticou que o partido de “Núñez Feixóo e de Marta Fernández-Tapias, lonxe de rectificar e de atender o clamor social masivo e dos e das profesionais sanitarias, insista nas súas políticas”.
En relación as denuncias das últimas semanas pola derivación de intervencións cirúrxicas a clínicas privadas e do incremento “gravísimo” das listas de agarda, o portavoz municipal da fronte nacionalista en Vigo responsabilizou o Sergas e a Consellaría de Sanidade cuxas decisións “supoñen unha grave ameaza para a saúde de toda a área sanitaria de Vigo”.
Nese sentido, Igrexas trasladou o compromiso do BNG para esixir unha sanidade 100% pública, universal e de calidade fronte as contas da Xunta para o próximo ano que “o único que garanten é seguir a cebar con diñeiro público as grandes empresas privadas detrás do Hospital Álvaro Cunqueiro e de Povisa”.