O BNG denuncia o “sectarismo” do Goberno municipal por converter as distincións de Vigo no “Gran Colar da Orde do Caballerismo”
A fronte nacionalista presenta unha emenda ao Pleno pola exclusión dos Premios Vigueses/as Distinguidos/as das propostas do CVC de Valadares e do presidente da Federación REDE, Paulino Campos.
Xabier P. Igrexas: “Non hai argumento nin razón, máis alá da visión autoritaria e excluínte que ten Abel Caballero como alcalde, para negar estes recoñecementos”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar o “sectarismo” do Goberno municipal de Vigo por tentar excluír as súas propostas das distincións que outorga a cidade. A fronte nacionalista anunciou a presentación dunha emenda, de cara o Pleno extraordinario que se celebrará este xoves, para que o máximo organismo de decisión da cidade decida se concede o premio Vigueses/as Distinguidos/as ao Centro Veciñal e Cultural (CVC) de Valadares e o presidente da Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias de Maiores (REDE), Paulino Campos.
“Non hai argumento nin razón, máis alá da visión autoritaria e excluínte que ten Abel Caballero como alcalde, para negar estes recoñecementos”, criticou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. “Desde o BNG non imos tolerar que queira converter de maneira caprichosa nunha especie de ‘Gran Colar da Orde do Caballerismo’ a medalla de Vigo e os premios Vigueses/as Distinguidos/as”.
Igrexas explicou que a emenda ao Pleno pretende que o grupo socialista “se retrate co seu voto, que deixen en evidencia se van antepoñer outra vez a súa visión partidista ou queren que estes premios sirvan para distinguir a cidade e non só a unha parte dela”. O portavoz das nacionalistas recordou que estas distincións responderon sempre a diversidade e pluralidade de Vigo antes do actual Goberno local.
O portavoz municipal do BNG destacou que o CVC de Valadares, que cumpre 50 anos de existencia este 2021, se ten configurado como un dos máximos expoñentes do movemento veciñal de Vigo. “Unha entidade con cinco décadas de traxectoria dun enorme compromiso, que é un verdadeiro motor de participación social, dinamizador no ámbito cultural, deportivo, e un creador de vida e de cidade na súa parroquia”.
Sobre a proposta do presidente de REDE, Igrexas considerou que debe recoñecerse a “un colectivo que viviu en carne propia as peores consecuencias da pandemia e tamén da nefasta xestión por parte das diferentes administracións, nomeadamente da Xunta de Galiza. Na figura de Paulino Campos, a quen cualificou de “persoa salientábel”, quixo poñer en valor o traballo de denuncia, acompañamento e dignificación de REDE para “avanzarmos cara unha política pública de coidados que permita acceder a unha vellez digna”.